Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Author: Ana

Cedeira celebra Santa Ana con misa cantada, procesión e verbena a cargo de “Johnny Maquinaria”

CEDEIRA CELEBRA SANTA ANA CON MISA CANTADA, PROCESIÓN E VERBENA A CARGO DE “JOHNNY MAQUINARIA”

A festividade de Santa Ana (día 26) é festa local en Cedeira, o que tamén se traduce en celebracións populares e citas musicais.

A xornada arrincará ás 12.00 horas coa celebración da misa solemne cantada pola Coral Eixil. A continuación, sairá a procesión que percorrerá as principais rúas da zona vella co acompañamento músical da banda “Vila de Cedeira”.

A praza Roxa acollerá un concerto co que se porá fin ao programa matinal, aínda que a actividade retomarase pola noite coa celebración da tradicional verbena. Sera ás 22.00 horas e estará amenizada pola orquestra “Johnny Maquinaria”.

O goberno municipal anima á veciñanza e visitantes a desfrutar da primeira xornada festiva das moitas que están por vir durante o verán.

 

Esta fin de semana a vila de Cedeira acollerá unha gran foliada e un festival de habaneras

ESTA FIN DE SEMANA A VILA DE CEDEIRA ACOLLERÁ UNHA GRAN FOLIADA E UN FESTIVAL DE HABANERAS

A vila de Cedeira está a vivir unha fin de semana diversa no que á actividade cultural se refire. Así, e ademais do Festival de Verán organizado pola Rondalla de Cedeira (día 20), haberá outras citas de interese tanto mañá sábado como o domingo.

O día 20 a praza Floreal acollerá, a partir das oito da tarde, a Gran Foliada, unha iniciativa da Asociación de Acordeóns de Cedeira pensada principalmente para recadar diñeiro coa fin de financiar a participación da agrupación local de acordeóns nun certame que terá lugar en outono na cidade de Praga.

Coa intención de animar a presenza de público e a súa implicación no proxecto, os responsables da entidade poñerán á venda liscos, chourizos, empanada e cervexas. E no que respecta ao apartado musical, a agrupación local contará coa axuda do grupo Álvaro Cunqueiro (Lago), coral Estrelas do Ortegal (Cariño), cantareiras e cantareiros de Buxainas (Cedeira) e o cuarteto Xoldaina (Ferrol). A organización conta ademais coa colaboración do Concello e da Asociación Cultural Buxainas para levar a cabo o programa previsto.

Ao día seguinte, o domingo 21, a actividade cultural trasladarase ao auditorio municipal coa celebración do Festival de Habaneras promovido pola Coral Virxe do Mar. A convocatoria dará comezo ás 20.00 horas e ten como obxectivo festexar o 21 aniversario dunha agrupación da que forman parte un total de 32 afeccionados á música coral. A esta celebración sumaranse as corais Alborada (Cabral) e a Polifónica da Magdalena (Ferrol). O festival dará lugar á interpretación de cinco cancións por cada unha das formacións musicais que, no caso de coral local, serán “Eu de Marín ausenteime”, “En un lago”, “Foliada de Cedeira”, “La vieja Habana” e “Non sei”.

Música na rúa

Continuando co programa cultural “Música na rúa”, o domingo (día 21) haberá unha nova cita. Nesta ocasión, a praza do Concello acollerá a actuación do grupo As Aturuxeiras, que comezará ás 13.00 horas. “Música na rúa” dará lugar a tres convocatorias máis durante os días 25 e 27 do presente mes.

Cedeira mellora a recollida de lixo na zona rural con bases de cemento e sistemas de suxeición de colectores

CEDEIRA MELLORA A RECOLLIDA DE LIXO NA ZONA RURAL CON BASES DE CEMENTO E SISTEMAS DE SUXEICIÓN DE COLECTORES

O Concello de Cedeira vén de acometer obras na zona rural que gardan relación co servizo de recollida de lixo.

O proxecto, que xa foi executado, consistiu na construción de bases de cemento e na instalación de sistemas de suxeición para evitar o desprazamento dos contedores.

As melloras foron acometidas no conxunto das sete parroquias, dando lugar a un total de 40 intervencións nas zonas de Montexo Vello, Igrexa de San Román, Casal de María, San Miguel, Sisalde, Os Hedreiros, Gaias da Area, cemiterio de Piñeiro, As Pontigas, cruce das Barbosas, Remesal e Rabadán, entre outras.

As obras estiveron a cargo da empresa Prieto Mouriz, que presentou a oferta que despois resultou ser a máis vantaxosa para os intereses do Concello e cuxo importe foi de 17.520,80 euros (IVE incluído).

9