Dependendo do concepto polo que se solicite a licenza, o pagamento realizarase de xeito periódico e anual ou de xeito puntual.
No caso de pagamento puntual, realizarase mediante autoliquidación e debe presentarse xunto coa solicitude de licenza.
No caso de pagamento periódico, realizarase mediante padrón cobratorio, que ten o seu período de pagamento voluntario entre o 15 de setembro e o 20 de novembro.
As solicitudes que non se rexistren acompañadas do xustificante de pagamento da taxa serán admitidas de maneira provisional, pero non se lles dará curso ata que se emende esta deficiencia. A persoa interesada disporá de dez días para aboar o importe correspondente. De non facelo, a solicitude será arquivada.
Unha vez concedida a licenza, farase a liquidación definitiva. Poderase elevar a liquidación definitiva a autoliquidación presentada ou ben emitir unha nova liquidación, da que se deducirá o importe xa aboado para esixir ou reintegrar ao suxeito pasivo, segundo o caso, as diferenzas existentes.
Se a licenza for denegada, e sempre que a utilización privativa ou o aproveitamento especial do dominio público non se efectuasen, a persoa interesada poderá solicitar a devolución do importe da taxa depositado.
Así mesmo, a persoa interesada poderá solicitar a devolución do importe da taxa nos casos en que renuncie á licenza antes de facer uso dela. Se a renuncia ou desistimento se producir con posterioridade á concesión da licenza, non se devolverá a parte da taxa correspondente á tramitación desta.