Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO VAI ANCHEAR E DOTAR DUNHA SENDA PEONIL O CAMIÑO DE CORDOBELAS NO ENTRONQUE COA AC-566

O Concello de Cedeira vén de publicar o concurso para a contratación da obra de habilitación dunha senda peonil e a ampliación da calzada no camiño de Cordobelas. A actuación conta cun orzamento de 80.995€ (IVE incluído) e vai mellorar sensiblemente a seguridade vial nesta pista, que entronca coa carretera autonómica AC-566. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, encadrou a actuación no traballo continuado do goberno local non so por conservar senón tamén mellorar as condicións dos camiños de titularidade municipal na zona rural.

O camiño de Cordobelas ten actualmente anchos de 2,90 e 3,50 metros que fan difíciles e perigosos os crucea de dous vehículos en diferentes sentidos, así como o tránsito de peóns. O proxecto que se vai contratar servirá para aproveitar ao máximo as beiras da calzada chegando a ampliar a plataforma ata os cinco metros. Catro metros serán para os coches e un metro para a habilitación dunha senda peonil, en pavimento de formigón armado en cor, que tamén facilitará o abeiramento dos vehículos nos cruces.

As obras afectarán ao vial nuns 280 metros de lonxitude. No primeiro tramo desde a estrada autonómica ata un cruce está previsto habilitar a senda peonil a ambos lados do camiño, que logo continuará só por unha das marxes.

A licitación está publicada na Plataforma de Contratación do Sector Público e as empresas interesadas teñen ata o día 22 de novembro para presentar as súas ofertas. O prazo de execución é de tres meses.