Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

UN TOTAL DE 18 MULLERES INICIAN MAÑÁ EN CEDEIRA UN CURSO DE COMPETENCIAS DIXITAIS BÁSICAS

O Concello de Cedeira colabora co desenvolvemento na vila do programa Muller Dixital, unha iniciativa formativa financiada con fondos Next Generation no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno central. A partir de mañá, 11 de novembro, impartirase no segundo andar do Auditorio un primeiro curso de nivel básico no que están inscritas 18 mulleres.

O pasado día 20 celebrouse no Auditorio de Cedeira unha sesión de presentación do programa, á que acudiron máis dunha trintena de veciñas, no que se explicaron os contidos e interese destas actividades. Muller Dixital componse de tres cursos, de 40 horas cada un, que van dirixidos a mulleres desempregadas ou inscritas en mellora de emprego.

O primeiro curso, que comeza mañá, é de competencias dixitais básicas. As clases desenvolveranse de 09.30 a 13.30 horas e nel as participantes adquirirán os coñecementos que lles permitan aproveitar as posibilidades de acceso á información, de procesamento e uso para a comunicación, de creación de contidos, de seguridade e resolución de problemas sencillos no eido dixital.

Está previsto que en decembro se desenvolva o seguinte curso, de competencias dixitais avanzadas, e que despois do Nadal se programe o terceiro, de competencias dixitais para o emprendemento. Todos eles incorporan ao finalizar un módulo sobre igualdade.