O AUDITORIO DE CEDEIRA ACOLLE ESTE VENRES E O SÁBADO O FESTIVAL “TRAS OUTRO AMIGO TAMBÉM”
O Concello de Cedeira organiza o festival “Traz outro amigo também”, un certame creado para coidar e cultivar a arraigada afección pola música portuguesa que existe na vila. Nesta quinta edición, a viaxe ao son e os ritmos propios das melodías lusas virá da man de do Alberto Mvundi Grupo, unha formación angoleña, e de Nacho-Faia-Lar, tres líderes da vangarda musical galega que se unen para ofrecer unha mirada transgresora e contemporánea do repertorio de Zeca Afonso, unha de cuxas cancións da nome, precisamente, ao festival cedeirés.
O Auditorio Municipal acollerá este venres, ás 21.00 horas e con entrada libre, o primeiro concerto. O Alberto Mvundi Grupo, unha formación integrada por músicos angoleños afincados en Galicia, estará acompaña por Xico de Carinho -Quico Peña Vilar (Cariño, 1940)-, un harmonicista que leva 50 anos facendo música galego-portuguesa e que mesmo tivo ocasión de compartir escenario con Zeca Afonso. O seu espectáculo “Música desde Angola” está composto de cancións con ritmos de raíz angoleña misturados con influencias portuguesas.
Ao día seguinte, o sábado, chegará ao Auditorio Municipal o trío Nacho-Faia-Lar. Ás oito da tarde, e neste caso cunha entrada ao prezo de 2,5€, tres referentes da vangarda musical galega darán voz ao repertorio de Zeca Afonso. Nacho Muñoz, da agrupación de postpunk viguesa Igmir, ao teclado e electrónica; Faia Díaz, do proxecto de música tradicional De Vacas, á voz; e Lar Legido, do grupo Sumrrá, á batería, son os artífices desta orixinal revisión do artista portugués.