NOVE ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS DE CEDEIRA PARTICIPAN NO III CONCURSO DE TAPAS DE OUTONO
Nove establecementos hostaleiros de Cedeira participan no Certame de Tapas de Outono, no que se servirán petiscos elaborados sobre a base dalgún ingrediente de tempada, como por exemplo castañas, cabazas ou cogomelos. O Concello organiza esta terceira edición deste concurso, orientado un ano máis a exaltar a gastronomía local e a animar e dinamizar o sector hostaleiro da vila.
O prezo das tapas será de 2€ e as persoas que degusten alomenos cinco delas poderán votar e participar no sorteo dunha cea. O concurso desenvolverase durante a vindeira fin de semana, desde as 20.30 horas do venres día 11 ata as 16.00 horas do domingo 13.
O restaurante Brisa, a taberna Praza do Peixe, a tenda-bar Garzález, a pizzería Sheriff, o gastrobar O Amanexo, a taberna A Xunqueira, a cervexaría La Central, O Mesón e o bar O Mástil. Nas bases establécese que todos os establecementos deberán participar cunha tapa feita expresamente para o concurso.
O público será o encargado de valorar as tapas. Nos establecementos repartiranse ás persoas que consuman estes petiscos as papeletas, nas que haberá cinco espazos para cubrir co selo de cada local. Para que a papeleta sexa válida terá que ter o cuño de cinco establecementos diferentes, e a persoa que emita o voto deberá votar cada unha das tapas cunha puntuación de entre 1 e 5.
Desde o Concello anímase ao público a acudir e degustar todas as tapas, aínda que so poderán puntuar cinco delas. Quen vote optará ao sorteo dunha cea para dúas persoas no local gañador do concurso.