Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O Concello organiza un ano máis os obradoiros de manualidades, debuxo, pintura e tapices

O Concello de Cedeira vén de abrir o prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar nos cursos gratuítos de debuxo, pintura, manualidades e tapices. As clases, que darán comezo a semana próxima serán impartidas por Andrés Urrutia, no caso do obradoiro de debuxo e pintura, e Fernando Villoslada e Xavier Rodríguez nos de manualidades e tapices, respectivamente.

Os interesados xa poden formalizar as reservas de prazas na oficina de turismo (Palacete Municipal), ou no teléfono 981 482 187.

As clases de debuxo e pintura terán lugar no 3º andar do edificio sindical de Cedeira os luns e martes de 10.00 a 13.00 h, e os xoves de 18.30 a 21.00h, e no CEIP Nicolás del Río os venres de 16.00 a 18.00 h para estudantes do centro. Os mércores, as clases impartiranse en Santalla de 16.00 a 21.00 horas. Os xoves tocaralle o turno a Esteiro de 10.30 a 12.30h, e no mesmo horario os venres as clases impartiranse en San Román. Os vecinos e veciñas da parroquia de Montoxo terán as clases de pintura os venres pola tarde de 18.00 a 20.30 horas. As clases nas parroquias impartiránse nos respectivos locais sociais.

Pola súa banda, o de manualidades, que se impartirá os martes e venres de 19.00 a 21.00 horas, terá como referencia os baixos da praza da Rectoral e inclúe modelaxe de barro-escaiola-xeso, elaboración de moldes e restauración. E o Palacete Municipal acollerá as clases de elaboración de tapices, que serán os luns en dúas quendas, de 10.00 a 13.00 h e de 16.00 a 19.00 horas.