O goberno convida á veciñanza a participar este domingo na concentración en demanda de pediatra
O goberno municipal apoia a concentración que a plataforma cidadá “En Cedeira pediatra Xa!” convoca para este domingo, día 16. Os participantes concentraranse no centro de saúde para, continuación, desprazarse ata a praza Roxa onde se procederá á lectura dun manifesto. A marcha dará comezo ás 12.30 horas.
O executivo convida á veciñanza a participar na mobilización, por tratarse “dun problema transversal xerado pola política de recortes da Xunta de Galicia”, asegurou o rexedor municipal, Pablo Diego Moreda Gil.
Son varias as accións que o goberno de Cedeira realizou con respecto a este asunto nos últimos meses. Recentemente, o pleno aprobou unha moción pola que a corporación municipal insta á Xunta a restaurar o servizo de pediatría, por considerar que é urxente acabar cunha situación de precariedade que obriga á facultativa de Valdoviño a desprazarse tres días á semana para pasar consulta en Cedeira.
Desde o executivo ademais se está a colaborar na campaña de recollida de firmas impulsada polos pais e nais do municipio e se manteñen contactos, a distintos niveis, con responsables da Xunta en materia de Sanidade para garantir a ampliación do centro de saúde dentro do presente mandato. O incremento destes espazos daría lugar á creación dun área específica para a atención dos menores, entre outras melloras.