Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA XA TEN A SÚA MARCA EN TAMAÑO XIGANTE NOS XARDÍNS DO PASEO DA MARIÑA

O Concello instalou hai poucos días a súa marca corporativa, coas letras de Cedeira en tamaño xigante e a imaxe do peixe de Teixido, nos xardíns do Paseo da Mariña, diante dunha das súas vistas máis emblemáticas. Tal e como comentou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “é un elemento que vai contribuír a espallar o nome de Cedeira co mellor marco, o da nosa ría e a praia da Madalena, e a identificar a icona do peixe como a marca deste municipio”.

A marca de Cedeira creouse no marco do desenvolvemento do proxecto Pescaturacción, con financiamento europeo xestionado polo GALP A Mariña. Este e outros programas de acción postos en marcha ao abeiro destas liñas de axuda van dirixidos a potenciar a tradición pesqueira da vila xunto cos seus valores turísticos.

A instalación das letras de Cedeira chega en pleno mes de agosto e a poucos días do comezo das festas, coa vila especialmente animada e chea de visitantes. Nestes últimos días centos de persoas aproveitaron xa o lugar como “photocall” para facer fotos e presumir das vistas.

Desde o Concello recordan que este mércores hai unha nova ruta do programa “Descobre Cedeira”. Tócalle a quenda ao percorrido pola vila, moi doado e con saída desde a Oficina de Turismo. De 10.00 a 14.00 h, as persoas inscritas irán coa guia turística polo casco vello ata a capela de San Antón e despois achegaranse ao xacemento arqueolóxico do Sarridal.

As persoas interesadas poden informarse ou inscribirse de xeito gratuíto a través da Oficina de Turismo, en persoa ou a través de mail -mar.lopez@cedeira.es- ou teléfono -981 482 187-.