Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O BULIDEIRO VERÁN EN CEDEIRA COBRA NOVOS AZOS A PARTIR DO XOVES COA CHEGADA DAS FESTAS

A volta de moitas actividades despois de dous anos de limitacións e a excelente meteoroloxía permiten gozar dun verán especialmente bulideiro en Cedeira. Despois dun mes de xullo cheo de propostas, agosto arrancou con forza, grazas á Festa do Percebe e o festival Discalz@s, e vai cobrar novos azos coa chegada das festas. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que é un programa con propostas para todos os públicos e que este é o ano de recuperar a ilusión e gozar en especial dos reencontros cos amigos e a familia.

O programa de festas de Cedeira comeza o 11 de agosto coa actuación do David Regueiro Trío e Alexandre Cavaliere, no marco do Jazz de Ría, e remata o 17, o día da tradicional xira, co concerto de Tanxugueiras, o grupo de cantareiras que conquistou ao público no festival de Benidorm e que está a arrasar este verán coa presentación do seu terceiro disco.

Desde o Concello informouse de que este ano, como xa se fixera no pasado 2021, as festas desenvolveranse respectando o horario inclusivo, apagando a música das atraccións e postos de venda durante a franxa de seis a oito da tarde en atención ás persoas con alta sensibilidade acústica. Informarase tamén puntualmente, a través das redes sociais e a canle de Whatsap “Cedeira Informa” do horario do lanzamento de fogos artificiais. Tamén habilitarase unha plataforma na Praza Roxa para que as persoas con problemas de mobilidade poidan asistir con comodidade e ver ben os diferentes concertos. Por último, durante as festas instalaranse uns baños químicos portátiles na Praza Roxa, así como en San Antonio o día da xira.

O calendario de actos é o seguinte:

11 de agosto
21.30 h no Parque San Isidro. Jazz de Ría. David Regueiro Trío + Alexandre Cavaliere. David Regueiro leva ás costas máis dunha decena de discos e centos de actuacións por toda a xeografía española que o consagran como un dos artistas de Gypsy Jazz, estilo musical moi particular xestado por músicos xitanos nos anos 30, con máis presenza no país. O trío que compón Regueiro con Iago Reigosa e Juyma Estévez estreou no 2020 o seu último traballo, “Areal”, onde experimentan con diversos sons como o do mainstream jazz ou a música clásica. Este trío musical compartirá escenario nas festas de Cedeira con outro músico de jazz, o francés Alexandre Cavaliere, violinista que leva dende os 12 anos tocando Gypsy Jazz arredor de todo o mundo.

12 de agosto
18.30 h Carreira popular de Cedeira. Saída ás 18.30 h desde a Praza Roxa. Inscrición na sala Áncora desde as 17.30h. 20.00 h na Praza do Concello. Lectura do pregón das festas, coa Asociación da Banda de Música Vila de Cedeira.
20.30 h Pasarrúas coa Banda de Gaitas de Buxainas. 22.00 h na Praza Roxa. Entroido de Verán. Disco Móbil CDC e Festa da Escuma.

13 de agosto
12.30 h Pasarrúas con AC Espadana e Gaiteiros e danzas con cabezudos. 17.00 h XXIV Travesía a nado de Cedeira. 20.00 h na Praza do Floreal. Espectáculo de circo “Só”, con Xampatito Pato. A compañía circense Xampatito Pato trae a Cedeira o espectáculo de Jesús Velasco Otero,”Só”. Un personaxe obsesivo e meticuloso, único na súa especie, está atrapado entre un sinfín de caixas que escapan do seu control. A medida que vai xogando con elas vai dándolle forma a un universo propio e delirante no que a loucura e a comedia acaban por transformar ao personaxe nun novo ser dotado dunha nova figura. 22.30 h na Praza Roxa. I Certame de Grupos Locais: Catro Cores, P-Rayada e Ardecasas.

14 de agosto
13.30 h Pasarrúas e concerto na Praza Roxa da Banda de Gaitas de Narón. 17.30 h no Paseo da Mariña e Praia da Madalena. Xogos populares 20.30 h Pasarrúas coa Fanfarria Furruxa. 22.00 h na Praza Roxa. I Certame de Grupos Locais: La banda del muelle, Los Eternos e Os Benignos.

15 de agosto
12.00 h Misa coa Coral Eixil e procesión coa Banda de Música Vila de Cedeira. 13.30 h na Praza Roxa. Concerto da Banda de Música Vila de Cedeira 20.00 h na Praza do Floreal. Espectáculo para o público familiar a cargo de Kanbahiota Troup, “Volando… vengo”. A compañía Kanbahiota Troup animará ao público familiar cedeirés cun show de trapecio mini volante ambientando nos anos 20 e cargado de humor no que catro personaxes terán que enfrontarse a un sinfín de problemas e intentos errados. 22.15 h na Praza Roxa. Concerto de Chylava. 00.00 h Gran tirada de Fogos Artificiais. 00.30 h Grupo Claxxon.

16 de agosto
11.00 h Misa e procesión marítima 20.00 h na Praza do Floreal. Espectáculo de danza de Marta Alonso Tejada, “Sofá”. “Sofá” é un espectáculo de danza que fala da vida de parella de Marta e Pablo e do lugar onde descansan e esquecen todos os problemas do mundo exterior, o seu sofá. Durante a actuación, o sofá vai elevándose a varios metros de altura mentres a parella interpreta os vaivéns da súa vida a través do baile. 21.00 h Pasarrúas coa Mekánika Rolling Band. 22.30 h na Praza Roxa. Concerto da Garufa Blue Devils Big Band. Garufa Blue Devils Big Bang é unha orquesta composta por 19 músicos e 4 cantantes que interpretan temas clásicos dos anos 30 e 40, época dourada en Estados Unidos do swing e os grandes musicais. 00.30h na Praza Roxa. Concerto de Broken Peach. Broken Peach é unha banda viguesa que xa suma dez anos de traxectoria versionando grandes éxitos e aportándolles a súa marca persoal: unha posta en escena que mestura a música e o espectáculo, unha estética extravagante e unha fusión de estilos tan diversos como o rock, o pop, o funky ou o gospel. As catro voces femininas e os seus músicos suman millóns de reproducións en YouTube coas súas covers de temas dun sinfín de artistas como Amy Winehouse, Bruno Mars, Rihanna ou Aretha Franklin.

17 de agosto
Tradicional Xira durante todo o día na contorna da ermida de Santo Antón do Corveiro. 23.00 h na Praza Roxa. Concerto de Tanxugueiras. Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro son as famosas Tanxugueiras, cuxo nome soou con forza por todo o país e o eido internacional tras a súa participación no Benidorm Fest 2022 como candidatas a representar a España en Eurovisión con “Terra”. A pesar de que esa canción catapultounas á fama, as Tanxugueiras levan xuntas dende o 2016 traballando na reinterpretación da música tradicional galega con ritmos urbanos próximos ao trap e á electrónica. A enerxía das tres cantareiras e as súas pandeiretas porá o broche final as festas de Cedeira deste ano.