Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA VOLVE CELEBRAR ESTE ANO UN DOS SEUS EVENTOS GASTRONÓMICOS MÁIS ESPERADOS, A FESTA DO PERCEBE

Cedeira volverá a gozar esta fin de semana da Festa do Percebe, outro dos eventos que quedaron en suspenso nos dous últimos anos. A Confraría de Pescadores organiza coa colaboración do Concello o evento gastronómico, que se vai desenvolver o sábado e o domingo, días 6 e 7 de agosto, na explanada do porto. Ao longo das dúas xornadas, de 12.00 a 18.00 h serviranse racións de percebes, polbo á feira e empanada, baixo a sombra das carpas que se instalarán para a ocasión e cun tren turístico que fará durante todo o tempo viaxes desde a vila.

A Confraría prevé servir máis de 500 quilos de percebe, en racións de 300 gramos ao prezo de 14 ou 15 euros –o prezo establecerase unha vez que remate a compra do produto, estes días, aos percebeiros do pósito-, así como outros 500 quilos de polbo, a 14€. Tamén poranse á venda 1.500 racións de empanada de berberechos ou de liscos, a 6€, e bebidas.

O público poderá comprar en billeteiras dispostas para elo os tickets dos produtos que desexe. A afluencia de xente, a teor do que sucedeu outros anos nos que acompañou a meteoroloxía, estará entre as 2.000 e as 3.000 persoas.

Desde o Concello de Cedeira celebran a volta desta festa gastronómica tan emblemática para a vila, que chega este ano a décimo novena edición, e destacan que pon de relevo a extraordinaria calidade dun dos produtos estrela do pósito local.