Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PROXECTO CEDEIRA MAR CONTINÚA AS SÚAS ACTIVIDADES CUNHA EXPOSICIÓN DURANTE O DISCALZ@S POLO FESTIVAL

O proxecto denominado como “Valorización da actividade pesqueira e marisqueira e dos seus espazos extractivos no litoral de Cedeira. Cedeira Mar” é un proxecto impulsado polo Concello de Cedeira que traballa na visibilidade e posta en valor dos oficios vinculados ao mar e a súa contorna, mediante accións de sensibilización orientadas a diferentes públicos.

Entre estas accións recóllese a actividade expositiva que terá lugar esta fin de semana, durante a celebración do festival de música Discalz@s. A través de 8 paneis en gran formato presentarase unha exposición orientada a 4 temáticas principais: a identidade mariñeira da vila, os oficios do mar, a sostibilidade e a creación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro e os enclaves do litoral. Ademais de datos e curiosidades, os paneis incluirán os testemuños dalgunhas das persoas máis implicadas co mar, as xentes que traballan vinculadas a el. Tamén dispoñerán de códigos QR, mediante os cales, acceder á audioguía do panel en tres idiomas: galego, español e inglés.

A consecución desta actividade foi posible, en gran parte, grazas á colaboración da xente da vila. A través das súas ensinanzas, relatos e gran implicación, recompiláronse os contidos para os paneis didácticos da exposición, que servirán para difundir a importancia da gran tradición mariñeira da vila.

Durante a fin de semana do 5, 6 e 7 de agosto, veciñanza e visitantes poderán desfrutar dunha exposición na que descubrir un pouco máis das actividades que se levan a cabo no litoral, a súa morfoloxía e os oficios das xentes que dedican o seu día a día ao mar. A exposición poderá visitarse na praza da Marieta.

O proxecto Cedeira Mar é un proxecto coordinado polo Concello de Cedeira que conta ademais co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a través das axudas outorgadas polo GALP A Mariña – Ortegal na convocatoria extraordinaria de 2021. Dentro do proxecto desenvolvéronse outras actividades dirixidas a diferentes públicos, como os obradoiros de sensibilización para escolares ou as rutas polo litoral abertas a toda a poboación en xeral.