Convocado o premio Concepción Arenal 2017

CONVOCADO O PREMIO CONCEPCIÓN ARENAL 2017

Coa finalidade de promover políticas de igualdade e prevención da violencia de xénero na poboación infantil e adolescente, a Deputación da Coruña convoca un ano máis, o premio Concepción Arenal anualidade 2017 no marco das actividades con motivo da conmemoración do 25 de novembro do 2017 ” Día contra a violencia de xénero”, co obxecto de premiar o compromiso e implicación dos centros educativos públicos da provincia, que presenten un proxecto educativo que promova a igualdade entre homes e mulleres, levando a cabo medidas para a erradicación da violencia e encamiñadas á consecución da igualdade real.

O prazo de admisión de proxectos pecharase o 14 de novembro de 2017.

Pode consultar máis información nas seguintes ligazóns:

IR Á LIGAZÓN Tríptico informativo do Premio Concepción Arenal 2017

IR Á LIGAZÓN BOP nº 195 do 13 de outubro de 2017. Premio Concepción Arenal: proxectos educativos pola igualdade de xénero 2017

As demandas da poboación de Cedeira en materia de sanidade reuniron onte a unhas 300 persoas diante do Centro de Saúde

AS DEMANDAS DA POBOACIÓN DE CEDEIRA EN MATERIA DE SANIDADE REUNIRON ONTE A UNHAS 300 PERSOAS DIANTE DO CENTRO DE SAÚDE

Unhas 300 persoas asistiron onte á concentración convocada polo equipo de goberno de Cedeira (PSOE, BNG, Anova) para esixir á Xunta e a o Sergas en particular que se tomen as medidas necesarias para garantir unha atención pediátrica continuada, así como para contar cun médico de reforzo e para que se cubran as prazas dos médicos que estean de vacacións o de baixa.

A mobilización, que arrincou pasadas as once da mañá e que tivo lugar diante do centro de saúde, foi secundada polo persoal sanitario e de administración do centro médico, por representantes de moitas entidades locais e por unha morea de veciños que viron na convocatoria a posibilidade de apoiar coa súa presenza no acto o acordo plenario que a corporación municipal adoptou na sesión do día 27 de setembro en demanda dunha sanidade pública de calidade.

O alcalde, Pablo Moreda Gil, foi precisamente o encargado de ler os contidos dunha moción que resultou aprobada por unanimidade e que agora se fará chegar aos responsables da área sanitaria de Ferrolterra xunto ás máis de 320 firmas recollidas estes días nas farmacias da localidade, no Concello e mesmo tamén na oficina de turismo. A campaña aínda segue aberta.

Moreda Gil agradeceu a resposta dos participantes, destacou o bo funcionamento do centro de saúde e a profesionalidade das persoas que traballan nel, pero tamén esixiu diante dos concentrados que o Sergas garanta todo o ano o servizo de pediatría, incluídos os meses de verán; que incremente o persoal facultativo en períodos vacacionais, nos que a vila de Cedeira chega a triplicar a súa poboación habitual, e que exista sempre un médico de reforzo.

Dous minutos de silencio e varios momentos de aplausos foron as dúas últimas imaxes dun acto que o equipo de goberno valorou de maneira moi especial pola presenza da moita xente que tivo que facer unha parada no traballo para asistir, empezando polo persoal do propio centro de saúde.

 

O goberno convoca unha concentración en demanda dun mellor servizo de sanidade

O GOBERNO CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN EN DEMANDA DUN MELLOR SERVIZO DE SANIDADE

O goberno de Cedeira convoca para o próximo martes (día 10) unha concentración diante do centro de saúde en demanda dun servizo público de calidade. O acto dará comenzo ás once da maña. Os responsables municipais invitan a veciñanza a tomar parte nesta iniciativa e na campaña de recollida de firmas que xa se está a levar a cabo na farmacia, na oficina de turismo e na Casa do Concello. Tamén se poderá asinar o día da mobilización.

Con esta convocatoria, os responsables municipais queren buscar o apoio explícito dos veciños á moción aprobada por unanimidade na última sesión plenaria. No seu texto facíase especial referencia ao feito de ter que compartir pediatra durante o verán con Valdoviño, a falla de facultativo de reforzo e a tónica xeral de non cubrir nin baixas nin os periodos vacacionais dos médicos. Esta situación tradúcese “nunha merma notable da calidade do servizo e nas conseguintes deficiencias na atención aos pacientes que soportan esperas impropias dun país do mundo rico en pleno século XXI”, tal e como figuraba no texto da proposta levada ao pleno por iniciativa do equipo de goberno (PSOE, BNG e Anova).

Esixirlle á Área Sanitaria de Ferrolterra que tome canto antes as medidas necesarias para correxir as deficiencias sinaladas é o obxectivo da concentración.

O taller de memoria e as clases de ximnasia terapéutica comezan o próximo luns, día 18 de setembro

O TALLER DE MEMORIA E AS CLASES DE XIMNASIA TERAPÉUTICA COMEZAN O PRÓXIMO LUNS, DÍA 18 DE SETEMBRO

Máis dun cento de persoas tomaron parte o ano pasado no obradoiro de memoria organizado polo Concello de Cedeira, unha actividade que se pon de novo en marcha a partir do luns 18. As clases de ximnasia terapeútica tamén comezan nesa xornada.

As actividades regresan co espíritu itinerante co que xa naceron. Así, ademais de ofrecerse na vila, o programa impartirase en Cervo, Montoxo e Esteiro. Nesta última parroquia haberá clases tanto no local de Saa como no de Sidalde.

O taller de memoria será os luns e venres na biblioteca do auditorio, entre as 16.00 e as 19.00 da tarde. Haberá dúas quendas, de 16.00 a 17.30 horas e de 17.30 a 19.00 horas. Tanto en Cervo como en Montoxo a actividade impartirase os martes e xoves, aínda que en distintos horarios. Na primeira parroquia será ás 18.30 horas, mentras que na segunda arrincará ás 17.15 horas. No caso de Esteiro, no local de Saa as clases serán os mércores e xoves -ás 16.00 horas- e no de Sisalserán os martes e mércores, ás 16.00 e 17.15 horas, respectivamente.

En canto ao programa de ximnasia terapéutica será sempre os mércores. En Montoxo, a convocatoria dará comezo ás 9.30 horas; en Cervo, ás 10.45, e en Cedeira, a partir das 12.50 horas.

As clases de zumba, que tamén forman parte do programa de envellecemento activo promovido desde a Concellería de Xuventude, Ensino e Igualdade de Cedeira, deron comezo o día 4 de setembro. Son os luns, martes e xoves, ás once da mañá na sala Áncora.

Escolas Deportivas Municipais
Ata o día 18 de setembro estará abierto o prazo de matrícula para tomar parte nas escolas deportivas municipais do Concello de Cedeira. As prazas cubriranse por riguroso orde de preinscrición.

Este ano o programa infantil inclúe educación física de base, ximnasia rítmica, tenis de mesa, natación para bebés, patinaxe, bádminton, mini-basket, fútbol sala e natación. Para os adultos haberá natación, bádminton, mantemento, pilates, baile moderno, aquagym, saúde na auga, natación para embarazadas e aquaerobic. O horario definitivo conocerase o día 6 de outubro e as clases darán comezo o 8 dese mesmo mes.

Cedeira pon en marcha o programa de envellecemento activo, que inclúe clases de zumba, memoria e ximnasia terapeútica

CEDEIRA PON EN MARCHA O PROGRAMA DE ENVELLECEMENTO ACTIVO, QUE INCLÚE CLASES DE ZUMBA, MEMORIA E XIMNASIA TERAPEÚTICA

O Concello de Cedeira, a través da Concellería de Xuventude, Ensino e Igualdade, pon en marcha un ano máis as actividades orientadas ao colectivo da Terceira Idade. De feito, esta mesma semana xa daban comezo as clases de zumba, que se imparten os luns, martes e xoves na sala Áncora, a partir das 11.00 horas.

Cara á segunda quincena do presente mes, a responsable da área Manuela López Rodríguez, informou da posta en funcionamento do obradoiro de memoria e mesmo tamén do de ximnasia terapeútica. Este ano, como xa se fixo o curso pasado, estas últimas actividades impartiranse na vila de Cedeira e tamén nas parroquias. Estes días as técnicas do departamento están a traballar na organización do calendario.

López Rodríguez recordou así mesmo que está abierto o prazo de inscrición para aquelas persoas que este ano desexan asistir por primeira vez ás clases, mentres que para as veteranas non é necesario dito trámite. En calqueira caso, as oficinas de Servizos Sociais serán a referencia tanto para facer as reservas de praza como para recibir información sobre o programa de envellecemento activo.

Cedeira instalará dous novos parques infantís, un no colexio Nicolás del Río e outro na escola infantil

CEDEIRA INSTALARÁ DOUS NOVOS PARQUES INFANTÍS, UN NO COLEXIO NICOLÁS DEL RÍO E OUTRO NA ESCOLA INFANTIL

O Concello de Cedeira creará antes de que acabe o ano dous novos parques infantís. A súa execución dará comezo nuns días no colexio Nicolás del Río e na escola infantil. Hoxe mesmo a alcaldesa en funcións, María Xosé Rodríguez Pérez, acompañada por técnicos municipais e responsables da empresa adxudicataria, visitaba as zonas nas que se colocarán, ademais dun chan específico para este tipo de instalacións, un total de cinco xogos: tres no centro escolar e dous no da escola infantil.

O orzamento de adxudicación ascendeu a 30.050, 87 euros e o prazo de realización dos traballos quedou fixado en oito semanas. A obra será executada pola empresa Oziona Soluciones de Entretenimiento SL.

Rodríguez Pérez explicou que, no caso do Nicolás del Río, o proxecto inclúe ademais a instalación de dúas portas: unha para limitar o espazo de xogo do escolar e outra para evitar que os nenos poidan saír correndo á estrada que existe nas inmediacións do colexio.

O Concello colabora con AFAL Ferrolterra nunha xornada divulgativa sobre o alzheimer

O CONCELLO COLABORA CON AFAL FERROLTERRA NUNHA XORNADA DIVULGATIVA SOBRE O ALZHEIMER

O Concello de Cedeira colabora con AFAL Ferrolterra na celebración dunha xornada divulgativa, enmarcada nos actos do Día Mundial do Alzheimer, que terá lugar mañá martes na praza Roxa, ás 19.00 horas. Será neste entorno urbano no que o equipo de AFAL instalará unhas mesas informativas e paneis para sensibilizar á sociedade e, tamén, responder ás súas dúbidas sobre a enfermidade e o labor que se vén levando a cabo desde a asociación.

Posteriormente, a actividade trasladarase á sala Áncora, na que as técnicas de AFAL impartirán unha charla na que falarán do alzheimer e dos obradoiros para enfermos que leva a cabo a asociación no municipio de Cedeira coa axuda da administración local, tal e como recordou a concelleira de Servizos Sociais, Manuela López. Esta responsable sinalou que “seguimos intentando axudar en todo o que faga falla, non só cara aos enfermos senon tamén aos familiares dos doentes”. Estes talleres están abertos á participación de todas as persoas afectadas. Para iso, tan só deben poñerse en contacto con AFAL (na asociación rúa Río Castro, 43-45 baixo ou no teléfono 981 37 06 92) ou co departamento municipal de Servizos Sociais de Cedeira.

Neste sentido, a presidenta da entidade, Ana María López, quixo agradecer a implicación do Concello, tanto na organización dos obradoiros como da propia xornada de mañá, e invitou a todo o mundo a achegarse ata a praza Roxa e coñecer a asociación.

As xornadas continuarán en Meirás (Valdoviño), Ares e Pontedeume. Son estas, xunto a Cedeira, as vilas nas que AFAL está a desenvolver talleres para persoas afectadas á marxe dos centros de día que xestiona na cidade de Ferrol.

Curtametraxe de animación “In a Hearbeat”

CURTAMETRAXE DE ANIMACIÓN “IN A HEARBEAT”

Título: In a Heartbeat

Pode ver a curtametraxe de animación na seguinte ligazón:

Fermosa curtametraxe de animación,sen palabras, dirixida  por Beth David y Esteban Bravo. “In a Hearbeat” amosa a inocencia e a tenrura do primeiro amor, tamén o medo ao rexeitamento por parte da  persoa pola que se sinte namoramento e á desaprobación do entorno. Nove de cada dez persoas novas LGTB (lesbiás, gays, transexuais e bisexuales) sufriron acoso escolar baseado na súa orientación ou identidade sexual. Queremos lanzar unha mensaxe de amor e autoaceptación a toda a xente nova  que loita por identificarse LGTB.

 

O Concello vén de instalar catro novos elementos biosaudables na contorna da praza da Revolta

O CONCELLO VÉN DE INSTALAR CATRO NOVOS ELEMENTOS BIOSAUDABLES NA CONTORNA DA PRAZA DA REVOLTA

Os veciños e visitantes de Cedeira xa poden utilizar estes días os novos aparatos biosaudables que o Concello acaba de instalar na zona do paseo marítimo, á altura da praza da Revolta. Trátase dun total de catro elementos que permiten aos usuarios execitar pernas e brazos para mellorar a súa condición física. O goberno municipal pide agora á veciñanza e usuarios en xeral que procuren conservar unhas máquinas que permiten facer un exercicio moderado ao aire libre.