Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PARTICIPACION

O Concello de Cedeira acaba de repartir as 30 novas unidades de composteiros domésticos

Como parte do Programa de Compostaxe Doméstico iniciado en Cedeira no ano 2016, o Concello acaba de repartir un novo lote de 30 unidades de composteiros entre as persoas que o solicitaron. Con estas últimas unidades, neste caso facilitadas por SOGAMA, xa suman máis de 200 os entregados pola administración local para uso familiar.

O Alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, tamén deixou onte unha unidade no CEIP Nicolás del Río atendendo así a unha petición realizada polo alumnado do centro. “Un bo exemplo do compromiso adquirido polos máis pequenos en levar a cabo accións que permitan mellorar o coidado do medio ambiente”, apuntou o rexedor.

Esta aposta municipal pola compostaxe caseira permite reducir o volume de refugallos que acabarían no colector verde para a súa reutilización obtendo compost, un abono natural rico en nutrientes para aplicar na horta ou xardín. As vantaxes medioambientais da compostaxe son evidentes.

Ademais, tendo en conta que preto do 40% da bolsa de lixo son restos orgánicos, a aplicación deste sistema representa un aforro económico ao minorar o volume de residuos que entra no circuíto de recollida, transporte e posterior tratamento, segundo apuntase desde o goberno municipal.

Os composteiros permiten así mesmo un maior control das condicións para conseguir compost e axudan a evitar algunhas das molestias do proceso como cheiros, roedores, etc. Xunto aos contedores o Concello de Cedeira entregou un sinxelo manual e realizará un seguimento durante o primeiro ano.

O Entroido en Cedeira levará a festa ás rúas cun programa de actividades organizado polo Concello

Cedeira prepárase para celebrar o Entroido co programa de actividades organizado polo Concello que, segundo as previsións meteorolóxicas, vai vir acompañado de bo tempo.

Desde o equipo de goberno convídase á veciñanza a sumarse ás celebracións pero mantendo a moderación e o respecto para que sexan unhas festas divertidas e compartidas, sen incidentes e sen ocasionar danos en bens e propiedades públicas.

O calendario dará comezo hoxe sábado co desfile do Entroido, que sairá ás 17.00 da praza Roxa para rematar no pavillón polideportivo, donde terán lugar as actuacións e o acto de entrega dos premios do concurso, no que se repartirán 2.205 euros. Esta primeira xornada rematará cunha verbena amenizada pola orquestra Metrópolis, que será na praza Roxa e que dará comezo ás 23.30 horas.

A festa infantil será o luns 24 e terá lugar no pavillón polideportivo. A organización informa de que haberá inchables, animación e actividades para que as nenas e nenos gocen destas primeiras citas festivas do ano. O peche da xornada virá da man da orquestra Trovadores, que actuará a partir das 23.30 horas na praza Roxa.

As celebracións do Martes de Carnaval consistirán nunha batukada, ás 17.00 horas, a cargo do grupo da Asociación Cultural Discalz@s, e nunha feira de xogos na Praza Roxa. Esta última cita dará comezo ás 18.00 horas.

Co Enterro da Sardiña, previsto para a xornada do día 29, rematará a programación de Entroido. A despedida do defunto dará comezo ás 19.00 horas na praza da Marieta e rematará no auditorio municipal coa lectura de coplas.

Exposición do censo electoral para as eleccións municipais

Ante a vindeira convocatoria de Eleccións ao Parlamento de Galicia 2020, e en cumprimento da Lei Orgánica 5/1985 do Réxime Electoral Xeral, de 19 de xuño, o Concello de Cedeira manterá un servizo de consulta do Censo Electoral e permanecerá exposta ao público a relación de Mesas e Colexios Electorais deste Municipio do 17 ao 21 de febreiro do 2020 de 9.00 a 14.00 horas.

A consulta do Censo Electoral levarase a cabo de forma presencial, polo propio/a interesado/a, acreditándose mediante DNI, pasaporte, ou permiso de conducir no que apareza a fotografía do/a titular.

Non obstante, poderá exercer o seu dereito á consulta a través dos teléfonos da Oficina do Censo Electoral: 981 27 74 39, 981 21 74 26, 901 101 900

Advírtese da conveniencia de consultar as listas electorais por aquelas persoas que cumpriron recentemente 18 anos de idade, así como os que cambiaron de enderezo nos últimos meses.

Dentro do prazo indicado calquera persoa poderá formular reclamacións sobre os seus datos censais. As reclamacións poderán presentarse directamente na Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral ou a través deste Concello, onde tamén se lles facilitarán os correspondentes impresos de reclamacións.