Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

PROXECTO PESCATURACCIÓN

O proxecto Pescaturacción segue a traballar no impulso do desenvolvemento dos sectores da pesca e do turismo de Cedeira.

A participación dos integrantes destes sectores é un dos piares fundamentais do proxecto, e por iso o seguinte paso a dar é a celebración das reunións dos grupos de traballo.

O primeiro que vai ter lugar é o Grupo de Traballo do Sector da Pesca, na tarde do próximo luns día 12 de abril. Están convocadas a participar algunhas das entidades máis relevantes do sector no territorio, co obxectivo de validar aspectos detectados na primeira fase do proxecto, e de identificar os retos máis prioritarios a solucionar.

Pertences ao sector da pesca e estás interesado en asistir? Se non recibiches a información, ponte en contacto co teléfono 621.256.391.

Seguimos a construír Cedeira entre todos e todas!

A DEPUTACIÓN INICIOU OS TRÁMITES DAS EXPROPIACIÓNS PARA ELIMINAR A CURVA DO REGO DE TIDE

O Concello de Cedeira informa de que a Deputación da Coruña inicia os trámites para realizar as expropiacións do proxecto “Variante Rego de Tide DP-2205”. Así, tras a súa aprobación no pleno provincial do pasado 26 de febreiro, vén de publicarse no BOP o acordo polo que comezou o período de exposición pública e de presentación de reclamacións, no seu caso, por parte dos afectados. A actuación está enmarcada na mellora dos accesos ao núcleo de Santo André de Teixido, especialmente para facilitar a circulación aos autobuses turísticos que frecuentemente van ao santuario.

Concretamente, o proxecto vai consistir na construción dunha variante que elimine a pronunciada curva que actualmente salva o rego de Tide, no punto quilométrico 1+000 da estrada provincial CP-2205. Construirase un novo trazado ao sur, con curvas amplias que facilitarán o paso aos autobuses e vehículos pesados, a unha velocidade máxima de 80 km/hora. Nas obras vai incluída a canalización do curso de auga ao longo dos 42 metros nos que estará a base do terraplén. O novo trazado percorrerá 230 metros, desde o quilómetro +920 ata o 1+220.

O proxecto está incluído no Plan de Investimentos en Vías Provinciais 2020, Quinta Fase, e conta cun presuposto de 29.323,20 euros para as expropiacións e de 350.305,36 metros para as obras.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que a Deputación da Coruña abriu ao tráfico hai menos dun mes a nova variante das Pontigas, unha actuación na que a administración provincial investiu máis de 588.000 euros e que tamén está enmarcada nesta mellora dos accesos a Santo André de Teixido. Neste caso construiuse unha variante que salva o núcleo das Pontigas e os seus estreitamentos, facilitando tamén a circulación a todos os vehículos, e en especial aos autobuses.

Moreda Gil expresou o agradecemento do Concello de Cedeira ao servizo de Viais e Obras e ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, polo compromiso que mantén desde o ano 2015, o da súa chegada á institución, na mellora das infraestruturas viarias provinciais no municipio.

CONVOCATORIA BECAS PARA INVESTIGACIÓN E PERFECCIONAMENTO DE ESTUDIOS ARTISTICOS 2021

Nas seguintes ligazóns pode accederse aos textos íntegros publicados no BOP:

IR Á LIGAZÓN Extracto da resolución número 2021 / 11620, do 25 de marzo de 2021, da Presidencia da Deputación da Coruña, pola que se aproba a convocatoria de bolsas de investigación para o ano 2021

IR Á LIGAZÓN Extracto da resolución número 2021 / 11619, do 25 de marzo de 2021, da Presidencia da Deputación da Coruña, pola que se aproba a convocatoria de bolsas para perfeccionamento de estudos artísticos para o ano 2021

PRazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación do presente extracto de convocatoria no BOP da Coruña e finalizará ás 14:00 horas do día 05 de maio de 2021.