Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A DEPUTACIÓN INICIOU OS TRÁMITES DAS EXPROPIACIÓNS PARA ELIMINAR A CURVA DO REGO DE TIDE

O Concello de Cedeira informa de que a Deputación da Coruña inicia os trámites para realizar as expropiacións do proxecto “Variante Rego de Tide DP-2205”. Así, tras a súa aprobación no pleno provincial do pasado 26 de febreiro, vén de publicarse no BOP o acordo polo que comezou o período de exposición pública e de presentación de reclamacións, no seu caso, por parte dos afectados. A actuación está enmarcada na mellora dos accesos ao núcleo de Santo André de Teixido, especialmente para facilitar a circulación aos autobuses turísticos que frecuentemente van ao santuario.

Concretamente, o proxecto vai consistir na construción dunha variante que elimine a pronunciada curva que actualmente salva o rego de Tide, no punto quilométrico 1+000 da estrada provincial CP-2205. Construirase un novo trazado ao sur, con curvas amplias que facilitarán o paso aos autobuses e vehículos pesados, a unha velocidade máxima de 80 km/hora. Nas obras vai incluída a canalización do curso de auga ao longo dos 42 metros nos que estará a base do terraplén. O novo trazado percorrerá 230 metros, desde o quilómetro +920 ata o 1+220.

O proxecto está incluído no Plan de Investimentos en Vías Provinciais 2020, Quinta Fase, e conta cun presuposto de 29.323,20 euros para as expropiacións e de 350.305,36 metros para as obras.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, recordou que a Deputación da Coruña abriu ao tráfico hai menos dun mes a nova variante das Pontigas, unha actuación na que a administración provincial investiu máis de 588.000 euros e que tamén está enmarcada nesta mellora dos accesos a Santo André de Teixido. Neste caso construiuse unha variante que salva o núcleo das Pontigas e os seus estreitamentos, facilitando tamén a circulación a todos os vehículos, e en especial aos autobuses.

Moreda Gil expresou o agradecemento do Concello de Cedeira ao servizo de Viais e Obras e ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, polo compromiso que mantén desde o ano 2015, o da súa chegada á institución, na mellora das infraestruturas viarias provinciais no municipio.