Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

NOVAS

RECOLLIDA DE LIXO NA PRAIA DA MADALENA

O alumnado de 1º da ESO do IES Punta Candieira, igual que onte os de 4º de primaria do CEIP Nicolás del Río, colaboraron nunha acción de recollida de lixo na Praia da Madalena para sensibilizarnos fronte a importancia do coidado do medio mariño.
Sentímonos moi orgullosos de que a nosa mocidade, desde os centros educativos da nosa vila, participen en colaboración coas mariscadoras da Confraría de Cedeira na protección e recuperación da biodiversidade dos ecosistemas mariños a través destas actividades.

O CONCELLO DE CEDEIRA SEGUE APOSTANDO POLA COMPOSTAXE

Continuando co seu programa de promoción de compostaxe doméstica, e en colaboración con SOGAMA, repartíronse 30 novos composteiros que foron entregados no día de onte aos veciños que así o solicitaron nesta convocatoria 2021.
Ademáis de recoller os dispositivos para compostaxe, os beneficiarios do programa, participaron dunha xornada explicativa sobre o uso dos mesmos. Dende a concellería de medio ambiente móstrase satisfacción pola boa acollida que ten entre a veciñanza esta iniciativa, que leva desenvolvéndose dende o ano 2016 e suma xa máis de 200 familias implicadas na xestión sostible dos residuos.
Do mesmo xeito, comunícaselles a todas aquelas persoas interesadas que realizaron a solicitude e non se lles entregou composteiro, que permanecen na lista de agarda para a vindeira convocatoria.

O CONCELLO DE CEDEIRA INVISTE 100.000€ PARA DOTARSE DUN NOVO TRACTOR CON BRAZO DESBROZADOR

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación para a compra dun tractor con máquina desbrozadora lateral. Ata o vindeiro día 26 está aberto o prazo de presentación de ofertas para este concurso, que conta cun presuposto de 100.000€ (IVE incluído).

Este é un dos investimentos que o goberno local acomete con cargo ao remanente do pasado ano. Tal como explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o Concello ten a obriga de manter limpos e practicables máis de 250 quilómetros de rúas, camiños e viais da súa titularidade, garantindo ao longo de todo o ano o acceso aos diferentes núcleos rurais. “A limpeza da vexetación mellora a seguridade na circulación e axuda a previr incendios”, recordou o alcalde, que subliñou que co novo tractor van ser xa tres os que formen parte do parque de maquinaria do Concello.

“Contar con medios propios para acometer os desbroces supón ter maior autonomía e capacidade nos momentos en que son máis necesarios”, explicou. Recordou, neste sentido, que durante o pasado verán foi preciso recorrer a dúas empresas alleas para reforzar as brigadas municipais na limpeza dos viais.

O prego de condicións establece que o tractor deberá ter un motor con 110 cabalos de potencia e dobre sistema de tracción, así como unha capacidade de elevación de 4.300 quilos e cabina con todos os sistemas de seguridade. O brazo elevador lateral terá un alcance horizontal de 5m e vertical de 6,30m. A empresa suministradora deberá entregar o vehículo con todas as certificacións, garantías, plan de mantemento preventivo e ofrecer formación ao persoal municipal que se ocupará de manexalo.