Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA INVISTE 100.000€ PARA DOTARSE DUN NOVO TRACTOR CON BRAZO DESBROZADOR

O Concello de Cedeira acaba de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación para a compra dun tractor con máquina desbrozadora lateral. Ata o vindeiro día 26 está aberto o prazo de presentación de ofertas para este concurso, que conta cun presuposto de 100.000€ (IVE incluído).

Este é un dos investimentos que o goberno local acomete con cargo ao remanente do pasado ano. Tal como explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, o Concello ten a obriga de manter limpos e practicables máis de 250 quilómetros de rúas, camiños e viais da súa titularidade, garantindo ao longo de todo o ano o acceso aos diferentes núcleos rurais. “A limpeza da vexetación mellora a seguridade na circulación e axuda a previr incendios”, recordou o alcalde, que subliñou que co novo tractor van ser xa tres os que formen parte do parque de maquinaria do Concello.

“Contar con medios propios para acometer os desbroces supón ter maior autonomía e capacidade nos momentos en que son máis necesarios”, explicou. Recordou, neste sentido, que durante o pasado verán foi preciso recorrer a dúas empresas alleas para reforzar as brigadas municipais na limpeza dos viais.

O prego de condicións establece que o tractor deberá ter un motor con 110 cabalos de potencia e dobre sistema de tracción, así como unha capacidade de elevación de 4.300 quilos e cabina con todos os sistemas de seguridade. O brazo elevador lateral terá un alcance horizontal de 5m e vertical de 6,30m. A empresa suministradora deberá entregar o vehículo con todas as certificacións, garantías, plan de mantemento preventivo e ofrecer formación ao persoal municipal que se ocupará de manexalo.