A obra da variante das Pontigas xa está en marcha

A OBRA DA VARIANTE DAS PONTIGAS XA ESTÁ EN MARCHA

A obra da variante das Pontigas está en marcha desde hai uns días coa execución dos primeiros traballos de sinalización e acondicionamento do chan. Trátase dunha intervención financiada pola Deputación da Coruña que suporá a modificación do trazado da estrada DP-2204, ao seu paso polo núcleo do que recibe o nome a intervención, en cuxa execución vanse investir algo máis de 464.000 euros, ao marxe dos 124.000 previstos para as expropiacións. O orzamento de licitación superaba os 731.00 euros, entre gastos de obras (607.086,65 euros) e os máis de cen mil das expropiacións.

O proxecto consiste na construción dunha nova variante cunha lonxitude de 1,2 quilómetros e o acondicionamento dun vial de enlace de 330 metros que permitirá salvar o núcleo de Pontigas, onde as edificacións están moi próximas á estrada actual, o que fai imposible a súa ampliación.

A obra permitirá ademais diminuír o tráfico que circula a diario polo devandito núcleo de poboación mellorando notablemente a seguridade viaria na zona e evitando a afectación dun ben patrimonial cultural da localidade, como é a casa-pazo do Sete. O proxecto suporá así mesmo a ampliación do ancho da vía, que pasará a ter sete metros de plataforma e un de beiravía.

O equipo de goberno valora o inicio duns traballos que, unha vez estean rematados, contribuirán a mellorar a seguridade viaria, grazas ao incremento do ancho da plataforma e a unha maior visibilidade.

A estrada DP-2204 rexistra un importante volume de tráfico debido á circulación de autobuses en dirección a San Andrés de Teixido e aos miradoiros dos cantís da zona. A estrada actual so ten cinco metros de ancho e discorre por unha zona de curvas, moi próxima ás vivendas dos veciños.