Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira abriu o prazo para crear unha bolsa de traballo de informadores turísticos

CEDEIRA ABRIU O PRAZO PARA CREAR UNHA BOLSA DE TRABALLO DE INFORMADORES TURÍSTICOS

O Concello de Cedeira promove a creación dunha bolsa de traballo de informadores turísticos. Con este obxectivo vén de abrir un plazo de 10 días naturais a fin de que as persoas interesadas poidan apuntarse cara á celebración do concurso-oposición previsto nas bases publicadas onte no Boletín Oficial da Provincia.

Tratarase de contratacións laborais temporais ou nomeamentos interinos, cunha xornada laboral de 37 horas e a retribución correspondente, segundo a táboa salarial vixente para o persoal laboral do Concello, ao grupo B (RDL 5/2015).

Entre outros requisitos, os aspirantes teñen que estar en posesión de calquera destes títulos: Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Técnico en Empresas e Actividades Turísticas; Grado de diplomado en Turismo; Licenciado ou grado en Historia do Arte ou Humanidades. Ademais, teñen que poseer as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas para o desenvolvemento das funcións correspondentes e non estar incursos en causa de incapacidade ou incompatibilidade que determine a lexislación vixente. A condición de minusválido e a súa compatibilidade acreditaranse mediante a certificación de Sanidade e Servizos Sociais.

A presentación da solicitudes poderá facerse no rexisto xeral do Concello, na sede electrónica (https://sede.cedeira.es) e mesmo tamén a través da forma prevista no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do procedimento administrativo común das Administracións Públicas. Na convocatoria contémplase así mesmo a posibilidade de mandar a instancia a través do correo postal. Neste caso, desde a administración local se informa de que só serán admitidas aquelas instancias nas que apareza o selo de Correos e sempre e cando se comunique o envío por correo electrónico (correo@cedeira.es) ou vía fax ao número 981 482 506.

As solicitudes presentaranse no modelo oficial e terán que ir acompañadas de fotocopias do DNI e máis da titulación esixida, do certificado Celga, así como da documentación acreditativa dos méritos alegados e do xustificante do pago da taxa, que ascende a 10 euros.

Unha vez finalizado o prazo de presentación, resultará aprobada a listaxe provisional de admitidos, que se fará publica a través do taboleiro de anuncios do Concello, e na páxina web institucional (www.cedeira.gal). Posteriormente, celebrarase o concurso-oposición baixo criterios de selección en función da experiencia laboral, formación, coñecemento da lingua galega e dun exame tipo test de carácter obrigatorio e eliminatorio no que estarán en xogo a maioría dos puntos.