Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Unha moeda do século I D.C. sae á luz no remate da sexta campaña de escavacións no Castro do Sarridal

O castro do Sarridal de Cedeira volve sorprender aos expertos tanto pola súa singularidade construtiva como polos segredos que aínda esconde. O último é unha moeda romana, realizada en bronce, e moi posiblemente do século I d.C. O proceso de restauración ao que está sendo sometida verificará ou arroxará novos datos sobre a ocupación dun asentamento de orixe castrexo.

En canto á construción, o arqueólogo e director da sexta campaña de escavacións no xacemento xa rematada, Emilio Ramil, apuntou que “non é nada habitual atopar nunha edificación destas características un torreón exterior á muralla sobre o foxo”. Esta singularidade obedece, segundo Ramil, á necesidade de reforzar o sistema defensivo do castro. Os traballos tamén deron como resultado a recuperación integral do torreón -cuxa forma finalmente resultou ser ovalada e non rectangular como se tiña apuntado inicialmente- ademais de traballos no bastión, na muralla e no enlousado exterior da antecámara.

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, considerou que “seguramente aínda nós están a esperar moitos máis segredos nun xacemento que virá a completar a historia da localidade e no que xa foi atopada a quinta pedra formosa localizada en Galicia”.

Neste sentido, o rexedor municipal adiantou que a actuación que acaba de rematar e que estivo financiada polo Concello terá continuidade en próximas datas cunha nova intervención que, neste caso, será asumida pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e cuxo custo é moi similar ao destinado polo Concello, uns 15.000 euros. Con cargo a esta nova intervención levaranse a cabo tarefas de consolidación das estruturas que saíron ao luz con motivo dos traballos executados na que xa foi a sexta campaña de escavación levada a cabo no castro do Sarridal.