UGÍA PEDREIRA LEVA ESTE DOMINGO A CEDEIRA O SEU TRABALLO “SEGMENTO CANTÁBRICO”
O Museo Mares acollerá este domingo, día 15, a presentación en Cedeira do primeiro traballo en solitario de Ugía Pedreira, “Segmento Cantábrico”, nunha cita que leva por nome “Convivio” polo seu espíritu de festa ou banquete para compartir. O concerto, que promove o Concello e a asociación de amigos do museo, será ás 13.00 horas e nel participarán tamén as artistas Guadi Galego, Uxía e Marina Oural.
Ugía Pedreira (Foz, 1970), coñecida como “A Pedreira”, ten unha longa carreira musical ás costas. Comezou como vocalista no grupo Chouteira, un dos grupos máis senlleiros do bum do folk dos anos 90, e despois participou en moitos e diferentes proxectos, como Marful, Ecléctica Ensemble, Nordestinas… “Segmento Cantábrico” é o primeiro disco de seu, un traballo ben recibido pola crítica e que ela define como dun folk claro e transparente, aínda que aúna formas tradicionais do litoral cantábrico con outras influencias da música europea e o folk americano.
“A Pedreira” celebrará no museo Mares unha festa coas cantantes Guadi Galego e Uxía e coa poeta Marina Oural. As persoas interesadas en asistir teñen que reservar entrada de maneira anticipada enviando un whatsapp ao número 649876614. Como máximo reservaranse dúas prazas por persoa.