A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE CEDEIRA TEN 5.307 SOCIOS, UN NÚMERO QUE EQUIVALE A MÁIS DO 80% DA POBOACIÓN
A biblioteca municipal de Cedeira pechou o pasado año 2022 cun total de 5.307 socios, un número moi destacable en relación ao padrón de habitantes, 6.626 segundo a última e recente actualización. O servizo, que leva o nome do ilustre cedeirés López Cortón, rexistrou o pasado ano 111 novas altas e, como é habitual, unha intensa actividade . Desde o goberno local, o alcalde Pablo Diego Moreda Gil celebrou a vida que ten a biblioteca e a súa raizame na sociedade local, e destacou que nos últimos anos se ampliaron as instalacións para mellorar entre outras cousas a súa a accesibilidade, e que se foron facendo outros investimentos, como o máis recente destinado a novo mobiliario para a sala de lectura de prensa e o espazo infantil.
Durante o pasado ano a Biblioteca López Cortón contou 10.256 lectores (persoas que acudiron para estudar ou ler nas súas salas, facer consultas ou solicitar préstamos, ben sexan veciños e veciñas da vila ou veraneantes). O servizo ten un horario amplio, de luns a venres de mañá e tarde –de 08.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas- e sábados pola mañá -de 10.00 a 13.00 horas- e conta cunha ampla colección de fondos, composta por 31.807 libros, xunto coa sección de revistas e películas tanto de adultos como infantiles. A biblioteca realizou, durante o último exercicio, 5.252 préstamos de libros (2.876 de adultos e 2.376 infantís).
A bibliotecaria, Ángeles Fernández, subliñou que o servizo está moi arraigado en Cedeira e que mantén unha liña de colaboración permanente cos centros educativos da vila. Ao longo do ano desenvolven o programa “Ler conta moito”, de dinamización da lectura e participan noutras actividades e propostas como foi a recente visita da “Maleta Viaxeira” do Ministerio de Igualdade. Pero ademáis a López Cortón conta desde o pasado 8M co seu propio “Punto Lila” adicado a lecturas de temática feminista acaídas para público de diferentes grupos de idade.
O goberno local destinou o pasado ano máis de 7.000 euros á compra de novo mobiliario para a sala de lectura infantil, así como á de adultos. Cómpre recordar que anteriormente investíranse uns 8.000€ no cambio do chan de madeira e mobiliario da sala máis antiga da biblioteca. A actuación máis importante levouse a cabo no anterior mandato, cando se destinaron máis de 200.000€ á ampliación das instalacións. Daquela anexionouse un inmoble contiguo ao antigo, de maneira que a biblioteca puido mellorar a súa accesibilidade e incorporar un ascensor, así como incrementar e poñer ao día outros equipamentos. Aquela ambiciosa intervención culminou coa pintura dun mural adicado a Rosalía de Castro nun lateral do edificio, unha obra que se ten convertido nunha icona do casco antigo cedeirés.