Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

A ORQUESTRA OLYMPUS AMENIZARÁ UNHA VERBENA DE FIN DE FESTAS DE NADAL ESTE VENRES EN CEDEIRA

O goberno municipal de Cedeira reprogramou para este venres, día 6 de xaneiro, a verbena coa orquestra Olympus que tivo que ser suspendida na madrugada de Ano Novo pola adversa meteoroloxía. O evento transfórmase nunha festa de despedida das festas de Nadal, coa que o Concello quere brindar á veciñanza e ás numerosas personas que visitan a vila nestas festas, para reencontrarse con amigos e familia, unha oportunidade para gozar e divertirse xuntos.

Desta volta a verbena comezará ás 23.15 horas, nunha carpa disposta ao efecto na praza Roxa. A orquestra Olympus, unha das máis prestixiosas de Galicia, levará o seu espectáculo de música de diferentes estilos e baile á vila, xusto no arranque da súa nova xira 2023.

Cómpre recordar que hoxe a Cabalgata dos Reis Magos en Cedeira sairá do CEIP Nicolás do Río ás 18.00 horas, coas súas tres carrozas para Gaspar, Melchor e Baltasar. Realizará un percorrido polo casco urbano e irá ao Auditorio Municipal, onde recibirán aos nenos e nenas que queiran entregarlles as súas cartas. A continuación, sobre as oito, haberá unha merenda nas instalacións do colexio, na que se repartirá chocolate quente con roscón de Reis ou bola. Instalaranse xogos inclables para a cativada.

Para o sábado, día 7, está prevista a Carreira Popular de Nadal que tivo que ser adiada o pasado día 31. A cita lúdico-deportiva comezará na praza Roxa ás 16.00 horas, cun itinerario circular que pasará pola praza 18 de Decembro, o Camiño Real da Madalena, a rúa Salinas, a avenida de España e remate na praza Roxa. As persoas adultas realizarán dúas voltas ao trazado, mentres que as persoas que opten por facer unha andaina lúdica farán unha. É unha carreira na que moitas persoas participantes adoitan acudir con disfraces, subliñando o ambiente festivo da mesma. Ao remate da carreira sorteranse unha serie de cestas de Nadal entre as persoas participantes.