Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INSTALA DOUS TOBOGÁNS XIGANTES DESDE MAÑÁ ATA O DOMINGO NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN

O Concello de Cedeira instala un ano máis, ante o éxito da proposta, tobogáns acuáticos xigantes para pequenos e maiores. Os inchables estarán a disposición do público na praza da Constitución (A Revolta) a partir da tarde de mañá xoves, ata o vindeiro domingo, e as persoas que queiran lanzarse por eles poderán inscribirse gratuitamente na mesma instalación, que estará atendida por monitores.

Ao igual que o ano pasado, haberá un tobogán máis grande, o “Gravity”, de 35 metros de lonxitude, para o que se esixirá ás persoas usuarias unha altura mínima de 1,5 metros. Tamén funcionará outro máis pequeno, o “Selva”, con dous esvaradoiros de 18 metros. Os tobogáns funcionarán mañá de 16.30 a 20.00 horas e o venres, sábado e domingo de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 h.

Por outra banda, Carlos Breixo, Antón Cortizas, José López Hermida, Manuel López Foxo e Manel Bouzamayor participan hoxe, ás 20.00 h no Auditorio Municipal, na presentación do número nove da revista “Terras do Ortegal”.

Para este xoves está previsto outro roteiro do programa “Descobre Cedeira”. Desta volta será o percorrido pola vila, que se vai desenvolver de 10.00 a 13.00 h, saíndo da Oficina de Turismo. As personas interesadas en participar poden inscribirse no Palacete ou ben escribir un mail a mar.lopez@cedeira.gal.