Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

TEATRO PARA RIR E CHORAR SOBRE O CONFINAMENTO

A compañía ButacaZero presenta este sábado en Cedeira a obra “32m2”, na que unha parella, a de Xan e Mar, pasa o confinamento no seu diminuto apartamento. A obra, creación de Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, amosa como os protagonistas descubren a felicidade nalgunhas circunstancias daquela estraña situación e tamén chocan coas súas devastadoras consecuencias e coas realidades que tiñan olvidadas na vella normalidade.

Laura Villaverde e Xurxo Cortázar interpretan a Mar e Xan nesta obra xurdida das circunstancias e que a compañía ButacaZero estreou no aniversario do estado de alarma, o pasado mes de marzo. É unha comedia negra coa que o público poderá sentirse identificado, en moitos detalles, e que reflexiona sobre as eivas que xa tiña de antes a nosa sociedade, como as desigualdades e a precariedade laboral.

A función será ás 20.00 horas no Auditorio Municipal e o prezo da entrada será 2,50 euros. A obra vai dirixida ao público adulto. As persoas interesadas en asistir teñen que reservar as localidades a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou enviando un whatsapp ao número 649 876 614 en horario de 09.00 a 14.00h., indicando en calquera caso o nome das persoas que asistirán e un número de contacto. Poden reservarse as entradas ata o mesmo día da función se non se esgotan antes.

A función forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en colaboración coa Agadic.