Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PLENO DE CEDEIRA APOIA AS RECLAMACIÓNS DA FLOTA ARTESANAL FRONTE AO NOVO REGULAMENTO EUROPEO

Os grupos do pleno de Cedeira expresaron no último pleno o seu rexeitamento á aplicación do novo regulamento de Control da UE para o sector pesqueiro na flota artesanal. Concretamente, o Concello cedeirés reclama que se lle exclúa da obrigatoriedade de instalar cámaras nas embarcacións, estar xeolocalizadas e remitir datos das capturas desde o mar. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, defendeu a moción tachando de “escándalo” que se queira impoñer estas obrigas cando “o que realmente nos debería de preocupar é mellorar as súas condicións de traballo, a súa formación e garantir prezos de mercado reais, para que os mariñeiros teñan uns salarios dignos”.

Recordou o alcalde que a flota artesanal está formada por embarcacións de entre catro e doce metros que na maioría dos casos faenan nas nosas rías en condicións climatolóxicas moi adversas, en embarcacións, a maioría delas, sen ponte. E subliñou que o primeiro que fan os mariñeiros ao chegar a terra é dar parte das súas capturas.

Moreda Gil sinalou que neste momento no que van chegar os fondos Next Generation “precisamos un compromiso firme por parte dos gobernos nacionais e autonómicos que garantan a sostenibilidad dun mar que tanto nos deu ás nosas familias”.

A moción foi presentada polo patrón maior da Confraría de Pescadores de Cedeira, Eduardo González López, e defendida no pleno polo alcalde.