Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO XA NOTIFICOU AO MINISTERIO AS ZONAS CON BAIXA COBERTURA DE INTERNET QUE NON TIÑA IDENTIFICADAS

O Concello de Cedeira xa notificou ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a relación de zonas con baixa cobertura de internet que non tiña identificadas no seu mapa das denominadas “zonas brancas”. A partir da difusión por parte do goberno local deste proceso de análise de necesidades que está a facer o Goberno central, recibíronse dez reclamacións de outros tantos veciños e veciñas, que foron xa trasladadas para que sexan contempladas no Plan de Conectividade e Infraestruturas Dixitais.

Tal como informou Manuel Martínez, concelleiro de Facenda, algunhas das reclamacións correspondían a zonas que o Ministerio xa tiña identificadas como brancas, e que xa eran obxectivo de mellora, pero o proceso permitiu identificar outras, como é o caso do lugar de Freixido. Porén, o edil apuntou que foron trasladadas todas as notificacións recibidas da cidadanía, ben fóra por inexistencia de sinal ou ben por mala cobertura.

O obxectivo do Plan de Conectividade e Infraestruturas Dixitais é identificar todas as zonas con velocidade inferior a 30 Mbps e que non teñen plans para a súa dotación nos próximos tres anos, coa finalidade de mellorar a calidade de conexión. É un dos proxectos que vai desenvolver o Goberno central cos fondos Next Generation, coa finalidade de que toda a poboación teña acceso a redes NGA (acceso de nova xeración), é dicir, ás de tipo 5G.

É un proxecto importante para municipios como o de Cedeira, no que contar cunha boa cobertura de internet pode levar nova poboación á zona rural, posibilitando o teletraballo, mellores servizos e calidade de vida á poboación.