O CONCELLO SUMA MÁIS DE 530.000€ A INVESTIMENTOS DESTE ANO PROCEDENTES DE REMANENTES DE 2020
O pleno da corporación cedeiresa aprobou na súa reunión ordinaria deste mes, cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención do resto, a proposta da Alcaldía para incorporar remanentes do ano 2020 ao orzamento de 2021 a través dunha modificación de crédito. A operación permite sumar 531.646,04€ ao capítulo de investimentos do actual exercicio e habilitar partidas para acometer 21 actuacións. Tal como explicou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, “as contas do Concello están saneadas, e isto permítenos afrontar máis proxectos, tanto reparacións e obras que son urxentes, como comprar equipamentos que mellorarán os servizos municipais en diferentes eidos”.
Entre as 21 actuacións que vai acometer o Concello de Cedeira con cargo a estes remanentes de tesourería procedentes das contas do ano anterior está a adquisición dun tractor con brazo desbrozador por valor de 100.000€, que se vai incorporar ao equipamento municipal e que facilitará a realización de tarefas de limpeza nas zonas rurais do municipio. No capítulo de maquinaria incluiuse tamén a compra dunha deshumectadora (32.382,17€).
Poderá tamén acometer o goberno municipal varios investimentos para a mellora da Escola Infantil da Galiña Azul de Cedeira. Así, está previsto pintar a fachada, reparar a súa cuberta e cambiar as ventás (cun gasto total de 61.858,4€). No capítulo de instalacións deportivas, hai diversas partidas que suman un total de 156.924€ e que servirán para realizar melloras na pista deportiva da Carballa, crear unha instalación de vía ferrata para a práctica da escalada, realizar varias intervencións nas pistas de pádel e facer reparacións no polideportivo municipal.
Os fondos financiarán tamén novo mobiliario urbano e marquesinas (partida de 23.435,70€), melloras en beirarrúas e pistas (15.000€), unha obra de pavimentación e nova rede de pluviais paseo arriba da Ponte (26.347,75€), a segunda fase do saneamento da rúa Amor Hermoso (34.471,47€) e dúas obras de arranxo en camiños veciñais, concretamente na pista Ponte de Reboredo (10.769€) e na dos Sedeás (14.435,60€).
A estas actuacións súmanse unha partida para unha expropiación na rúa Cerdido (30.121,28€) e outra para a adquisición de camas xeriátricas (10.000€).
Tras a aprobación da modificación de créditos por parte do pleno, a resolución ten que ser publicada no Boletín Oficial da Provincia e ser sometida ao período de exposición pública, para a posterior aprobación definitiva.
07