Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

TEATRO GHAZAFELHOS PORÁ ESTE SÁBADO EN ESCENA A PEZA “NINJA. A VIAXE MÁIS LONGA COMEZA CO PRIMEIRO PASO”

A compañía de teatro Ghazafelhos, toda unha referencia para o público familiar en Galicia, estará este sábado no Auditorio de Cedeira coa obra “Ninja. A viaxe máis longa comeza co primeiro paso”. A representación comezará ás 20.00 horas e as entradas poden reservarse anticipadamente a través do whatsapp no número 649 876 614.

A peza, chea de humor e cunha compoñente pedagóxica, conta a historia de Tori, unha nena do rural que está fascinada pola cultura oriental, o karate, o kung fu, o jiu jitsu, as pelis de Bruce Lee, Jackie Chan… A pequena soña con ser unha auténtica Ninja e xoga a pasar inadvertida e observar o que pasa ao seu arredor, como faría unha guerreira xaponesa. Actuando con sixilo descobre que no colexio hai nenos e nenas que tamén queren pasar inadvertidos, non para ser Ninjas como ela, se non para que outros compañeiros e compañeiras non abusen deles. Tori buscará a axuda do señor Edelmiro para lograr que cambien as tornas.

Tamén este sábado, o Centro de Ocio Xuvenil de Cedeira vai celebrar o seu primeiro aniversario. Cúmprese un ano desde a súa reapertura tras a pandemia, cando o centro comezou a funcionar coa actual dinámica, baixo a coordinación dunha educadora social, Nerea P. Carballeira, na que os propios mozos e mozas usuarias participan directamente na promoción de actividades.

A festa será de nove da tarde ás doce da noite e ás 22.30h está previsto un sorteo de bonos con descontos para comprar na libraría. Haberá xogos, petiscos e música para animar a celebración, aberta á rapazada de 12 a 18 anos da localidade.