O CONCELLO DE CEDEIRA LICITA POR PRETO DE 100.000€ A AMPLIACIÓN DO SANEAMENTO NAS PONTIGAS
O Concello de Cedeira publicou na Plataforma de Contratación do Sector Pública o expediente de licitación das obras de ampliación da rede de saneamento nas Pontigas. Tal como informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, anteriormente o goberno local acometera o novo sistema de saneamento nesta zona rural, coa creación dunha nova depuradora ecolóxica e o tendido dun colector xeral polas marxes das estradas DP-2204 e DP-2206, e “agora afrontamos a ampliación da rede de colectores para darlle servizo a unhas trinta vivendas dos núcleos das Pontigas, Pardiñeira e algún outro”. O presuposto da actuación é de 99.963€ (IVE incluído).
O proxecto contempla a creación de sete ramais: dous ao norte da DP-2206, un deles de 420 metros e outro de 50 metros; outro de 350 metros pola marxe esquerda da mesma estrada; outros dous que van da Pardiñeira ata As Pontigas, un deles de 350 e outro de 285 metros, e por último outro ramal de 55 metros no lugar da Pardiñeira. A nova rede de saneamento estará composta por sete colectores independentes, que se engancharán ao colector xeral por medio de catro pozos de rexistro diferentes.
Para acometer esta actuación, o Concello conta con fondos procedentes do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña. As empresas interesadas en concurrir ao concurso, que se convoca polo procedemento aberto simplificado, poden presentar as súas ofertas ata o día 17 de abril.
Moreda Gil destacou que a ampliación do sistema de saneamento na zona rural é unha prioridade e que, de feito, se ten avanzado significativamente nestes anos. “Seguimos a traballar para chegar a máis núcleos, sempre en diálogo coas asociacións de veciños”, comentou.