Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO PON EN MARCHA O PROGRAMA “DE RUTA” CON TRES SAÍDAS POLOS EXCEPCIONAIS PAISAXES DO MUNICIPIO

O Concello de Cedeira pon en marcha durante o próximo período de vacacións de Semana Santa o programa ”De Ruta” con tres saídas guiadas a pé polos excepcionais paisaxes do municipio. O goberno local conta coa empresa local de turismo activo Portal Norte para organizar estas tres saídas, que serán os días 1, 5 e 8 de abril, todas de balde e cun límite máximo de 15 participantes.

O programa “De Ruta” comezará o sábado 1 de abril cun percorrido ao faro de Robaleira. Será unha saída de 8km, de dificultade baixa/media e que se realizará nunhas catro horas, con saída desde o Palacete Municipal ás 10.00 da mañá. O itinerario será circular, parte del polo sendeiro que vai desde as vellas fábricas de San Isidro ao faro. Unha vez alí o grupo poderá ver a antiga cetaria, a cala Mi Señora e gozar coas vistas da ría de Cedeira. A volta realizarase polo camiño que leva da praia das Cerdeiras ao Barral.

Para o mércores 5 de abril, a proposta é unha ruta polos Altos de Santo André. Serán tamén 8km dunha dificultade técnica baixa/media, pero con saída desde o mirador dos Carrís. A cita será alí, tamén as 10.00 da mañá, e o percorrido irá pola Serra da Capelada e permitirá gozar coas vistas dos cantís de Santo André de Teixido, a Vixía de Herbeira e as rías de Ortigueira e Cedeira.

A última ruta, o sábado 8 de abril, será un percorrido lineal desde Punta Candieira a Punta Sarridal, cubrindo unha distancia de 10km que, se estima, levará cinco horas. Nesta saída non se vai pisar asfalto e a organización levará ás persoas participantes, en furgonetas, ata o lugar de inicio da andaina. O punto de encontro será no Palacete Municipal ás 09.30 horas.

As persoas interesadas teñen que realizar a súa inscrición no Polideportivo Municipal, ou ben chamando ao número 981 482 633 ou enviando un mail a polideportivocedeira@gmail.com.