Sanidade prohibe desde hoxe os velorios e restrinxe a tres as persoas nos enterros
A Orde SND/298/2020 do 29 de marzo detalla que a prohibición afecta a todos os falecidos, e non só a aqueles que estivesen infectados por Covid-19. A orde establece, ademais, que se pospón a celebración de cultos relixiosos e cerimonias civís fúnebres ata a finalización do estado de alarma. A continuación detallanse como deben realizarse estes actos, onde destacamos algúns aspectos importantes sobre esta materia:
- Prohíbense os velorios en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, así como nos domicilios particulares.
- No caso de falecidos por COVID-19, non se poderán realizar prácticas de tanatoestética, intervencións de tanatopraxia, nin intervencións por motivos relixiosos que impliquen procedementos invasivos no cadáver.
- Pospoñerase a celebración de cultos relixiosos ou cerimonias civís fúnebres ata a finalización do estado de alarma, sen prexuízo da posibilidade prevista no parágrafo seguinte. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de tres familiares ou achegados, ademais, no seu caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto. En todo caso, deberase respectar sempre a distancia dun a dous metros entre eles.
- Durante o período de vixencia do estado de alarma, os prezos dos servizos funerarios non poderán ser superiores aos prezos vixentes con anterioridade ao 14 de marzo de 2020. No caso de servizos xa abonados a prezos superiores aos establecidos con anterioridade ao 14 de marzo de 2020, a empresa deberá iniciar de oficio a devolución da diferenza, deixando constancia das actuacións realizadas para ese efecto no caso de que non poida levar a cabo. Neste caso, o usuario dispoñerá de seis meses desde a data de finalización do estado de alarma para solicitar o correspondente reembolso. As empresas de servizos funerarios deberán facilitar ao usuario, con carácter previo á contratación do servizo, un orzamento desagregado por cada un dos conceptos incluídos no mesmo e a lista de prezos vixente con anterioridade ao 14 de marzo de 2020, aínda no caso de que resulte necesario realizar actuacións específicas como consecuencia dos falecementos producidos por causa do COVID-19.Respecto dos servizos ou produtos contratados que non poidan ser gozados ou entregados ao usuario debido ás medidas implementadas en virtude do Real Decreto 463/2020 e as súas normativas de desenvolvemento, devolverase ao consumidor ou usuario os importes xa abonados correspondentes aos devanditos servizos ou produtos.