Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PRESENTACIÓN DUN LIBRO-CEDÉ E TEATRO AFECCIONADO ESTE FIN DE SEMANA NO AUDITORIO DE CEDEIRA

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá mañá, ás 20.00 horas, a presentación do libro-cedé “O Colo das Palavras. Unha grainha de Semente”, no marco do Festival de Música Galego-Portuguesa “Traz outro amigo também”. O mesmo escenario recibirá o domingo, ás 19.00 horas, ao grupo cedeirés de teatro afeccionado Valverde, que representará a peza “La Corista. Petición de Mano” do dramaturgo ruso Antón Chéjov.

Ambas as dúas actuacións son de entrada gratuíta, aínda que é preciso reservar previamente a localidade. As persoas interesadas poden facelo a través do mail enrique.vazquez@cedeira.gal ou enviando un whatsapp ao número 649 876 614 en horario de 09.00 a 14.00h., indicando en calquera caso o nome das persoas que asistirán e un número de contacto.

“O Colo das Palavras” é unha escolma de poemas de Antón Cortizas e a súa familia, musicados por diferentes artistas, que editou a asociación Semente Trasancos. Na presentación de Cedeira estará Antón Cortizas e tamén parte dos músicos que participaron no proxecto, para interpretar estas cancións dirixidas ás crianzas. Actuarán Xurxo Souto, Óscar Fojo, Fatado do Colo, Sofía Espiñeira e Manolo Bacallau, e nesta inmersión musical e lingüística terán tamén o seu sitio dous grupos locais, “Perrallada” e “A Banda da Biblio”, formados por mozos e mozas do IES Punta Candieira, que se encargarán de abrir o acto.

O grupo Valverde, pola súa banda, adica a representación do domingo á lembranza de María Jesús Guillén “Fusa”, falecida o pasado ano e coa que a compañía comezara os ensayos da peza. A súa posta en escena será unha homenaxe a esta querida activista cultural da vila.

Por outra parte, cómpre recordar que no Palacete Municipal segue aberta, en horario de 09.00 a 14.30 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 a 14.00, a exposición “Carvalho Calero: de Ferrol para o mundo”, cedida polo Concello de Ferrol e que percorre a traxectoria académica e vital do profesor, ao que no pasado ano 2020 se lle adicou o Día das Letras Galegas.