Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

CEDEIRA ESTIVO PRESENTE EN FITUR PROMOCIONANDO O XEOPARQUE CABO ORTEGAL E OS CAMIÑOS A SAN ANDRÉS

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, e a concelleira de Turismo, Carmela Prieto, participaron este mércores en Fitur na presentación do Xeoparque Cabo Ortegal como un dos destinos turísticos estrela da provincia da Coruña. No acto, que tivo lugar no pavillón de Galicia e no marco dunha edición exclusivamente para o público profesional, participaron representantes de todos os concellos implicados no proxecto -Cariño, Cerdido, Moeche, Ortigueira e San Sadurniño- xunto co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o xeólogo Fran Canosa, que explicou os aspectos que fan merecedores a este territorio do distintivo Global Geopark da Unesco.

“Estamos diante dun territorio singular, con materiais moi pouco habituais na superficie da terra, que formaron parte dun antigo océano ou mesmo de zonas moi profundas do planeta, atopamos rochas que, nalgún caso se corresponderían a máis de cen quilómetros de profundidade, moi difícil velas desta maneira”, explicou Fran Canosa no acto de presentación, subliñando que as particularidades xeolóxicas da zona xustifican o lema do proxecto: “viaxe ao interior da terra”.

Xosé Regueira destacou que “o recoñecemento da UNESCO non só é fundamental para o desenvolvemento da estratexia turística na que Concellos, Deputación, Xunta e sociedade estamos colaborando, senón tamén para presentar o que xa é unha realidade”, mentres que o alcalde de Valdoviño, Alberto González, en calidade de presidente de quenda da asociación xestora, subliñou que Fitur é unha oportunidade para dar a coñecer máis aló dos círculos científicos este extraordinario patrimonio xeolóxico, natural, paisaxístico, e cultural material e inmaterial, destacando que se trata dun destino seguro e que aposta pola sostenibilidade.

Fitur brindou á entidade xestora do Xeodestino Cabo Ortegal, por outra banda, a ocasión de manter un encontro cos representantes do único xeoparque que en Galicia conta co distintivo da Unesco, o dos Montes do Courel, para abordar cuestións relacionadas coa xestión da candidatura.

Camiños a San Andrés de Teixido

Fitur foi escenario tamén onte da presentación dos Camiños a San Andrés de Teixido, no marco da promoción do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, un acto no que participaron Ángel Mato, en calidade de presidente da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, e por Nava Castro, directora de Turismo de Galicia.