Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

PREOCUPACIÓN NO GOBERNO LOCAL DE CEDEIRA POLA FALLA DE PROFESIONAIS SANITARIOS DO CENTRO DE SAÚDE

O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, vai solicitar unha reunión con Ángel Facio, o xerente da Área Sanitaria, na maior brevidade posible, para transmitirlle a preocupación do goberno local e da poboación de Cedeira pola falla de profesionais sanitarios no Centro de Saúde e a previsión de que, de non adoptar medidas, a situación podería agravarse.

Segundo explicou Moreda Gil, nestes momentos a pediatra do Centro de Saúde de Cedeira ten unha baixa especial por embarazo que lle apartou das consultas presenciais, aínda que segue a atender as consultas telefónicas desde a casa. É a pediatra do centro de Valdoviño quen ven tres días por semana, pero “o certo é que hai dous días nos que non hai atención presencial de pediatría, e queremos saber as previsións de Sanidade ao respecto”.

A situación agrávase porque unha das cinco prazas de médico que ten o Centro de Saúde de Cedeira está sen cubrir desde hai tres meses e porque queda aproximadamente un ano para a xubilación doutro dos facultativos. “Cómpre saber qué planificación ten Sanidade sobre o cadro médico para subsanar esta situación”, explicou o alcalde.

Moreda sinalou que a entrevista con Ángel Facio servirá tamén para expresar o descontento do goberno local polo máis de mes e medio que leva esperando por unha reunión co conselleiro de Sanidade, solicitada para seguir avanzando no proxecto de construír un novo Centro de Saúde. O alcalde recordou que o pleno da corporación acordou en outubro por unanimidade a cesión do terreo e destacou que o seu equipo actuou con dilixencia, despois de que se chegara ao acordo de construír un novo Centro de Saúde en lugar de ampliar o actual, tratando de acelerar os trámites o máximo posible.

“Este é un proxecto que a mesma Consellería de Sanidade situou na primeira fase do seu Plan Director, precisamente porque é urxente dotar canto antes á poboación dependente deste Centro de Saúde de mellores infraestruturas e máis servizos”, explicou o alcalde. “É preciso axilizar o proxecto do novo Centro de Saúde e, mestres tanto, garantir que os servizos existentes non sofren minguas”, dixo Moreda Gil.