Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O PLENO DE CEDEIRA APROBA O ORZAMENTO MUNICIPAL DE 2023, CUN INCREMENTO DO 20% NOS INVESTIMENTOS

O pleno da corporación cedeiresa aprobou inicialmente onte en sesión plenaria o orzamento do Concello para este exercicio 2023. A administración local xestionará un presuposto de 6.402.747,11€, que representa un incremento do 1,33% respecto ao ano anterior, e do que o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil destacou o aumento do capítulo de investimentos, nun 20%, así como o destinado ás subvencións para o tecido asociativo, ás que van este ano 285.300€. “Son unhas contas para seguir adiante de xeito equilibrado, cumprindo obrigas e mantendo o esforzo por coidar e mellorar o patrimonio municipal, así como dotar a vila de novas infraestruturas e servizos”, dixo Moreda.

O goberno local consignou 695.268,03€ para o capítulo de investimentos, 143.014,70€ máis que no pasado ano. Nel están os proxectos que se van desenvolver con financiación dos plans da Deputación da Coruña –que suman un total de 465.237,45€-, así coma outros que se van acometer con recursos propios. Entre estes últimos está o da pista de baloncesto do parque Floreal, unha actuación comprometida coa mocidade no marco dos Orzamentos Participativos. A renovación do ascensor do Auditorio, a iluminación das pistas de pádel ou o arranxo das columnas da Ponte Nova son algunhas das obras que están neste capítulo.

Aumenta neste exercicio, tal como comprometera o goberno local, a contía destinada a subvencións. Suman un total de 285.300€ dentro do capítulo de transferencias correntes –que ascende este ano ata os 430.532,23€, cunha suba do 15% respecto ao pasado-. Cómpre destacar o incremento de fondos das convocatorias, en réxime de concorrencia competitiva, para as asociacións do eido cultural e deportivo. Así, os 72.000€ que sumaban ambas as dúas convocatorias nos anos anteriores elévanse este ano ata os 120.000€, incrementando nun 33% os recursos para gastos correntes das entidades e nun 60% os de investimentos.

Neste mesmo capítulo das subvencións, increméntase tamén en preto dun 20% a da Escola de Música, en concorrencia competitiva, e crece un 11% a partida para o convenio nominativo con Protección Civil.

O proxecto económico do Concello de Cedeira préstalle un ano máis especial atención ao capítulo de Servizos Sociais, que está dotado neste exercicio 2023 con 1.298.000€. Tamén eleva o Concello a partida de persoal nun 3,37% para cumprir coa suba do 2,5% establecida para este ano nos orzamentos xerais do Estado, co correspondente incremento das cotizacións e co importe preciso para afrontar posibles substitucións por baixas temporais ou acumulacións de tarefas.