COMEZA O PROCESO DOS ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS, OS TERCEIROS CONFIADOS AO ALUMNADO DO PUNTA CANDIEIRA
O alumnado de 3º da ESO do instituto Punta Candieira embárcase neste mes de febreiro no proceso de preparación dos terceiros Orzamentos Participativos do Concello de Cedeira. Coa positiva experiencia das dúas edicións anteriores, o Concello ten planificado o traballo para que os rapaces e rapazas poidan levar a súa proposta diante do pleno da corporación o día 5 de maio, na mesma sesión na que está previsto aprobar a constitución do Consello Local de Infancia e Adolescencia.
Os Orzamentos Participativos son unha peza máis dunha aposta decidida do goberno local de Cedeira por dar voz e voto á mocidade e á infancia, na que tamén se insire o novo modelo de xestión do Centro de Ocio Xuvenil (COX) e o desenvolvemento do Plan de Infancia e Adolescencia. Segundo destacou Carmela Prieto, a concelleira de Participación e Xuventude, nos dous últimos anos foron aprobadas varios proxectos a través dos Orzamentos Participativos, aos que o Concello reserva 20.000€ do presuposto municipal en cada exercicio. Así, destes procesos saiu o parque de calistenia e un ciclo de autocine, así como unhas melloras no parque Floreal que xa están contratadas e pendientes de executar en breve.
O traballo para sacar adiante os terceiros Orzamentos Participativos comezou este mes con unha circular informativa para as familias do alumnado de 3º de ESO e as primeiras sesións cos propios mozos e mozas implicadas, sempre nas horas semanais reservadas a titorías. A experiencia comeza por coñecer o funcionamento interno do Concello, quen o compón, cales son as súas competencias e cales son os pasos para a toma de decisións. A continuación estúdase tamén o territorio, promovendo unha reflexión sobre as necesidades do municipio. Despois comeza a elaboración de propostas, fase na que o alumnado redacta os seus proxectos e debate sobre eles baixo pautas de solidariedade e equilibrio entre parroquias e colectivos, cunha visión de xénero.
No vindeiro mes de abril o persoal técnico municipal analizará as propostas do alumnado para verificar se entran dentro das competencias municipais e son viables económica e xuridicamente. Para cada unha das ideas, o persoal do Concello emitirá un informe no que detallarán se é ou non viable e as razóns, de maneira que o alumnado poderá aprender sobre custes reais, normativas aplicables, permisos necesarios, medios e recursos ou prazos que atinxen ao seu desenvolvemento. As propostas viables serán as que se sometan a votación entre o alumnado, nunha asemblea que se celebrará o día 27 de abril. Así, os mozos e mozas que sexan elixidos polo grupo encargarase de expor diante do pleno da corporación, o 5 de maio, as propostas seleccionadas para acadar o investimento e facerse realidade.