Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

OS VOLCÁNS ÚNENSE ESTA SEMANA AO CALENDARIO DE XEORRUTAS DO PROXECTO DO CABO ORTEGAL

Ao longo deste mes de agosto recén estreado, os concellos implicados no proxecto de xeoparque reforzan o programa de xeorrutas cun total de 33 saídas guiadas polo experto Francisco Canosa. Nelas poderemos facernos unha idea moi precisa do grande valor xeolóxico tanto do Complexo do Cabo Ortegal -referente mundial pola presenza de rochas pouco frecuentes na superficie do planeta- como doutros puntos do territorio menos coñecidos pero igualmente valiosos desde un punto de vista científico e turístico. Nesta primeira semana hai de novo percorridos que combinan costa e interior: a Xeorruta do Cromo, a do Limo, a das Praias das areas negras -completa a data de hoxe-, a Xeorruta por Mina Piquito -a piques de completarse-, a das Pías, a dos Aguillóns e, novidade, a Xeorruta dos Volcáns pola zona de Loiba. Ademais, a empresa Rutas Cedeira tamén organizou para o xoves un itinerario marítimo entre o peirao vello da vila e Cabo Ortegal que, ademais de levar días completo, está moi pendente das previsións meteorolóxicas en canto á forza do vento.

Martes 2 de agosto, 10:00 a 16:00h: Xeorruta do Granate (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas. Esta ruta discorre por un pequeno sendeiro de pescadores desde o Santuario de Santo André ata a enseada das Cortes, onde se observa unha ampla variedade de rochas moi rechamantes -entre elas algunhas con presenza de granates- tanto pola súa cor como pola súa textura, así como un salientable número de estruturas xeolóxicas que poñen de manifesto a intensa deformación que afectou a esta rexión hai 350 millóns de anos.

Esta ruta xeolóxica é para moitas das persoas que xa a fixeron unha das máis espectaculares de todas cantas se ofrecen pola zona. Hai que ter en conta que é un percorrido de dificultade alta, debido ao desnivel que acumula e á presenza de tramos con pedra solta, polo que é preciso levar un calzado con bastante debuxo na suela e a poder ser que protexa os nocellos. Debido á duración da actividade tamén se recomenda levar comida lixeira -barras enerxéticas, froita ou outros sólidos- ademais de auga. Máis info e reservas aquí.

Mércores 3 de agosto, 10:00 a 14:00h.: Xeorruta dos Volcáns (Concello de Ortigueira). Máximo 20 prazas. Trátase dunha andaina duns 7 quilómetros de dificultade media que nos levará ao extremo leste do territorio incluído no proxecto de xeoparque. Alí, na zona da praia do Picón e dos cantís de Loiba -onde se encontra o famoso banco- descubriremos a violenta actividade volcánica de hai arredor de 470 millóns de anos que quedou testemuñada nas rochas. Tamén veremos os depósitos de cantos rodados que viaxaban en grandes icebergs cando o que hoxe é Galicia se encontraba preto do Polo Sur do noso planeta. Máis info e reservas aquí.

Mércores 3 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta do Limo (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Esta ruta polo macizo do Limo permitirá descubrir formacións rochosas moi singulares (principalmente peridotitas), que co paso do tempo adquiren formas sumamente curiosas e rechamantes.

O percorrido discorre polos cantís máis verticais da Serra da Capelada, o que fará desta visita xeolóxica unha oportunidade única para coñecer a zona lindeira co corte costeiro de Herbeira, máis elevado pero menos pendente. Máis info e reservas aquí.

Xoves 4 de agosto, 10:00h a 14:00h: Xeorruta da Praia das Areas Negras (Concello de Cedeira). Máximo 15 prazas (completas). Esta ruta xeolóxica é unha das estrelas do proxecto pola súa exclusividade e, de feito, para esta data xa non hai reservas dispoñibles. Con todo, aconsellamos consultar a central de reservas entre hoxe e o mércores por se fose o caso de que houbese algunha cancelación.

Os areais de Teixidelo están considerados os únicos de area negra non volcánica do mundo e o traxecto ata eles ofrece a posibilidade de admirar os cantís máis elevados da Europa continental desde a súa parte máis baixa. A andaina de ida e volta -de dificultade alta- tamén pasa preto da fervenza que bate en épocas chuviosas a escasos metros das ondas, así como por un fermoso val que presenta todas as características dunha orixe glaciar.

É moi recomendable levar vara ou bastón, protección solar, auga e algo de comer (froita, barras enerxéticas, mellor algo lixeiro). Máis info e reservas aquí.

Ese mesmo día pola tarde, ás 17:00h, Rutas Cedeira ten completa a capacidade da súa lancha rápida para facer a viaxe marítima entre a vila e o Cabo Ortegal, pasando precisamente por diante de Teixidelo. Segundo informan desde a empresa de turismo activo a saída vai depender do estado do mar, posto que as previsións meteorolóxicas apuntan á posibilidade de mar combinada -mar de fondo e mar de vento- con ondas de 1,5 metros.

Sábado 6 de agosto, 10:00 a 12:00 e 12:10 a 14:10h: Xeorruta de Mina Piquito (Concello de Moeche). Só 1 praza dispoñible para a primeira quenda. Neste itinerario entraremos no antigo xacemento de cobre de Mina Piquito, en activo até finais dos anos 60. As galerías da mina constitúen hoxe un dos espeleotemas máis rechamantes do noroeste peninsular, no que destacan as estalagmitas e estalactitas de azuis e verdes de grande viveza que se foron formando desde que se clausurou a explotación.

A entrada farase en dúas quendas, unha ás 10:00h e outra ás 12:10h. A reserva en liña require escoller un dos dous horarios dispoñibles. No primeiro turno só queda unha praza dispoñible e para o segundo xa non hai ningunha, agás as que poidan librarse por mor de cancelacións de última hora durante esta semana (a dispoñibilidade actualízase automaticamente na web). Máis info e reservas aquí.

Sábado 6 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta das Pías (Concello de San Sadurniño). Máximo 20 prazas. Sen saírmos do territorio interior do proxecto de xeoparque, nesta xeorruta achegarémonos á confluencia da grande burbulla magmática do Forgoselo e da falla xeolóxica pola que discorre o río Castro para ver fenómenos ben interesantes.

O punto de encontro é impoñente castelo de Naraío, situado a 30 metros de altura sobre un rochedo xusto á beira do val estrutural, tendo de fronte os grandes desniveis do bloque granítico do Forgoselo, de onde veu a pedra para a súa construción.

Desde o castelo descenderase até a fervenza de Riolimpo, punto onde se observan as fases iniciais das pías e marmitas de xigante formadas por erosión, ademais de ver claramente a diferencia entre os materiais dun e outro lado do río. O percorrido remata na zona de Racamonde -cómpre subir o coche- chea de exemplos de bolos, pedras cabaleiras, pías, acanaladuras e tafonis que non se atopan en ningún outro lugar do territorio aspirante a obter a distinción da UNESCO. Máis info e reservas aquí.

Domingo 7 de agosto de xullo, 10:00 a 14:00h: Xeorruta do Cromo (Concello de Cedeira). 20 plazas. Partindo do Cruceiro de Teixidelo -preto de onde se encontra o monumento a Leslie Howard- iremos bordeando a costa até Herbeira. Unha zona espectacular polas vistas, pero tamén por ser paraíso das rochas ultramáficas e de materiais como a cromita, a magnetita, a morenosita, a zaratita ou a andradita.

No percorrido pararemos en puntos onde, ademais de minerais ricos en cromo, tamén se atoparon acumulacións de platino. A visita tamén permite apreciar unha falla que fende toda a Serra da Capelada. Máis info e reservas aquí.

Domingo 7 de agosto, 16:30 a 20:30h: Xeorruta dos Aguillóns (Concello de Cariño). Máximo 20 prazas. Coñecerase de primeira man a maior concentración de ecloxitas de todo o planeta. As ecloxitas son rochas formadas en condicións de altas presións e temperaturas na parte máis próxima a nós do Manto terrestre e que, por este motivo, son difíciles de ver en superficie. Toda a zona que se visitará o domingo foi obxecto de numerosas investigacións científicas nas últimas décadas -sobre todo a parte máis ao norte, onde emerxen os Aguillóns- porque a súa análise permite extraer datos sobre o que ocorreu e ocorre no interior do planeta.

Será unha auténtica “viaxe ao interior da Terra” sen deixar de ver a luz do día na que tamén haberá tempo para descubrir as formacións xeolóxicas que aparecen en San Xiao do Trebo, orixinadas neste caso pola fusión de outros materiais.

O percorrido consta de 3 paradas e o desprazamento entre elas realizarase en coches particulares. Ten unha dificultade media, debido á presenza de tramos con certa pendente, polo que é preciso levar un calzado cómodo e axeitado para ese tipo de terreos. Máis info e reservas aquí.