Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

COMEZA A SEMANA INFANTIL DE CEDEIRA, CON MAÑÁS CHEAS DE XOGOS E ACTIVIDADES LÚDICAS PARA NENOS E NENAS

O Concello de Cedeira inicia o mes de agosto coa Semana Infantil, unha proposta que nos anos anteriores á pandemia se tiña consolidado como un reclamo máis para as familias no verán da vila. Volve a mesma fórmula que xa se comprobara como un éxito, con xogos deportivos e tradicionais, que a meteoroloxía vai permitir desenvolver ao aire libre, na Praza Roxa, ao longo dos vindeiros días.

Así, a Semana Infantil ofrece actividades na Praza Roxa, a partir das 11.00 h, desde mañá martes ata o venres, dirixidas a nenos e nenas ata os 14 anos. Haberá monitores organizando as actividades, dirixidas a facer do tempo de lecer unha oportunidade para a convivencia e a diversión.

A primeira xornada, mañá a partir das 11.00 h, estará adicada aos xogos atléticos, entres os que estarán as carreiras de velocidade, de resistencia e de relevos. A proposta do mércores serán os “xogos dos avós”, entre os que estarán o do pano, a carreira de zancos e o xogo das cadeiras, entre outros. O xoves chegarán as “carreiras do humor”, nome baixo o que están a do ovo e a culler, a de sacos e o tiro de corda. O programa rematará o venres co tradicional concurso de castelos na area, que se vai desenvolver na praia da Madalena.

A Semana Infantil chega despois dunha fin de semana que estivo especialmente animada para a cativada en Cedeira. A instalación dos tobogáns xigantes foi un ano máis un éxito de participación, tanto de nenos e nenas de todas as idades –que subiron cada un ao inchable máis acaído para a súa idade e altura- como para as persoas maiores, que en moitos casos tamén se animaron a esvarar por eles. Desde o goberno local destacouse tamén o éxito dos torneos de fútbolpraia e de 3×3 de baloncesto, que levaron moita xente á vila e contribuiron ao ambiente bulideiro destes días na localidade.

Por outra banda, segue adiante o programa de rutas guiadas Descobre Cedeira. Mañá martes desenvolverase o “Roteiro dos Tesouros”, con saída ás 10.00 h da Oficina de Turismo, e este xoves, día 4 de agosto, haberá unha ruta por Santo André de Teixido. Neste caso, o percorrido é de 10.00 a 17.00 h, con saída desde a igrexa de Régoa, e recoméndase ás persoas participantes levar a comida. Para inscribirse en calquera delas é preciso ir á Oficina de Turismo, chamar ao 981 482 187 ou ben escribir un mail a mar.lopez@cedeira.gal.