Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O QUINTETO AMALTEA ABRE O VENRES EN CEDEIRA VARIOS DÍAS DE ACTIVIDADES ATA A CELEBRACIÓN DE SANTA ANA

O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá este venres, a partir das 21.00 h, a actuación do grupo Amaltea, un quinteto que ofrece unha mistura de música folk e indie en versión acústica, cun selo moi persoal e íntimo. A banda naceu na cidade da Haya, no ano 2020, e ten publicado o seu primeiro album, que presentan este mes nunha xira por Galicia que os levará, ademais de a Cedeira, ás cidades de Ourense e Santiago.

Amaltea está formada polo músico italiano Lorenzo Matrogregori (percusión), polo uruguayo Guzmán Calzada (guitarra), polo galego Xaquín Cribeiro (violín e voz), a catalá Laura Foxá (cello e voz) e o murciano Miguel Moreno (contrabaixo). Os dous primeiros veñen do mundo de jazz, o pop e a electrónica, e os demais son profesionais do mundo da música clásica e moderna.

A fin de semana traerá máis actividades culturais e lúdicas en Cedeira. Así, a Praza Roxa será o sábado o escenario dunha cita clásica no verán cedeirés, o Festival da Asociación Cultural Buxainas. A agrupación de música e baile galego conta co apoio do Concello e da Deputación da Coruña para celebrar este evento, que comezará as 20.00 h.

O domingo será o Día da Bici, outra cita consolidada ao longo dos anos na vila de Cedeira. Trátase dunha actividade aberta a todas as idades, con dúas modalidades. Realizarase primeiro un paseo dunha hora pola vila, cun percorrido doado para pequenos e maiores, e despois comezará a etapa chamada “A bici tira ao monte”, deseñada para as persoas máis experimentadas sobre as dúas rodas. A saída tomarase ás 11.00 h desde a Praza Roxa, onde tamén poderán realizarse as inscricións desde as 10.30 h. O Concello de Cedeira fará un agasallo á persoa de máis idade e á máis nova que tome parte na actividade.

Por outra banda, a asociación cultural Aturuxeiras convocou unha concentración de traxe tradicional na contorna da Praza Reitoral para celebrar o Día da Patria o vindeiro 25 de xullo. Ás doce do mediodía farase a lectura do manifesto institucional.

Ao día seguinte, 26 de xullo, Cedeira festexará o día de Santa Ana. A programación comezará ás 12.00 h coa tradicional misa cantada pola coral cedeiresa Virxe do Mar, na igrexa de Santa María do Mar, e unha posterior procesión polas rúas do casco antigo que estará acompañada pola Banda de Música Vila de Cedeira. A formación ofrecerá, ao remate do percorrido, un concerto na Praza Roxa. A xornada rematará cunha verbena nocturna amenizada pola orquestra Foliada d’Ases, a partir das 22.30 h tamén na Praza Roxa.

Por outra banda, seguen adiante os roteiros do programa Descobre Cedeira. Hoxe terá lugar o percorrido por San Andrés de Teixido e o vindeiro día 26 desenvolverase o de Pedra Chantada, a novidade deste ano. É unha ruta pensada para amosar a excepcional riqueza natural e paisaxística da Capelada, na que se fai parada en varios miradoiros e no curro. É unha andaina de tres horas que parte e remata na estación de servizo da Trabe. As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Turismo (teléfono 981 482 187 e correo electrónico mar.lopez@cedeira.gal).