Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

MÁIS DUN CENTO DE PERSOAS PASA ESTE VERÁN POLA ESCOLA MUNICIPAL DE PÁDEL, QUE ESTREA NOVAS INSTALACIÓNS

A escola de verán de pádel do Concello de Cedeira, na que están a participar este mes arredor de medio cento de persoas, serviu de estrea para o novo cerramento das dúas pistas de xogo, no que a administración local investiu 59.773,62€. Para os cursos do mes de agosto están apuntadas a estas alturas máis de 75 persoas e a intensidade de uso que ten as instalacións ten un pico importante estes días coa celebración da sexta edición do Torneo de Pádel Cedeira, no que hai 240 xogadores e xogadoras.

O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que a estrutura de peche permite aproveitar ao máximo ás dúas pistas, que ata o momento non podían ser empregadas con vento e choiva, e informou de que o Concello está actualmente facendo obras de mellora do pavimento e as bancadas nas outras dúas pistas de pádel xa existentes, que están no mesmo complexo deportivo, e que se vai construír outra nova, tamén nesta zona. En total, o investimento nestas actuacións suma máis de 54.000€ en diferentes partidas incluídas na modificación de créditos feita coa incorporación dos remanentes do pasado ano.

O presidente do Club de Pádel Cedeira, Alex Piñón, explicou que o novo peche das pistas afórralles aos xogadores e xogadoras os frecuentes desprazamentos que habitualmente facían ao longo do ano a Ferrol para adestrar cando chovía e facía vento. A entidade conta con preto de 90 persoas asociadas que practican este deporte con regularidade ao longo do ano e ten competindo, de feito, catro equipos, dous masculinos e dous femininos.

Alex Piñón destacou que ao longo dos anos foi aumentando moito o número de personas que se apuntan á práctica do pádel en Cedeira e sinalou que o torneo deste ano ten moita máis participación que o ano pasado. Tal como comentou, as pistas municipais están ocupadas habitualmente de xeito ininterrompido de luns a domingo, entre as nove da mañá e as dez e media da noite, non só coa actividade do clube, senón tamén coa escola deportiva do Concello, que adoita ter arredor de 80 personas apuntadas, e coas personas que se achegan para xogar de xeito individual.

A UTE formada por Meraki CR e Carpintería Metálica Ferreiro encargouse das obras de construción da nova estrutura de cerramento das dúas pistas de pádel. Anteriomente tiñan un teito de chapa e paredes de malla e vidro templado que eran insuficientes para permitir o xogo en condicións meteorolóxicas adversas. A actuación consistiu en crear unha nova estrutura, colocando novos piares e paramentos que pechan as pistas totalmente, con partes que deixan pasar a luz.

Moreda Gil recordou que no anterior mandato se fixeron dúas pistas de pádel novas, co que Cedeira pasou a contar coas catro actuais, e destacou que pronto serán cinco. “A nosa vontade é acompasar as actuacións á demanda real que teñen os equipamentos, incrementando as instalacións a medida que o fai tamén a afección por este deporte na nosa vila”, comentou. “A atención á mellora constante nas instalacións deportivas é unha prioridade para o noso goberno – engadiu-, mesmo porque as persoas que o compoñen son deportistas e porque temos o convencemento de que a práctica deportiva é unha escola de hábitos saudables e un espazo fundamental para a convivencia, o compañerismo e os valores”.