O peche da Escola Infantil de Cedeira transformouse nunha paisaxe mariña da man de Adrián Taracido
O Concello de Cedeira acaba de ampliar de seis a sete os murais cos que o goberno municipal quere converter a vila nun museo ao aire libre. Así, aos xa executados no auditorio, biblioteca municipal, ponte novo, estación de bombeo e colexio Nicolás del Río súmanse agora o que xa está a adornar os muros exteriores da escola infantil A Galiña Azul, concretamente os que dan á rúa Ortigueira.
Adrián Taracido Fernández é o autor desta nova obra na que están debuxados un faro, unha balea, marraxos, garzas e un cormorán, entre outros animais, sobre un fondo cheo de ondas. A pintura, do mesmo autor dos murais da estación de bombeo e do peche do colexio local, ocupa o muro ao longo duns 90 metros.
O importe desta nova intervención ascendeu a 2.117,50 euros (IVE incluído).
Fronte a fealdade urbanística, o goberno municipal de Cedeira está a apostar por “facer dos espazos públicos museos de balde sen paredes nin teiros”. O executivo local reitera que “pretendemos que o pobo sexa un escaparate do “street art” e convertilo nun recurso turístico atractivo que permita coñecer a vila desde un novo punto de vista, como un lugar máis amable para o ollo da persoa que observa e ve arte onde antes había fealdade, fomentando un espazo de relación social moito máis habitable”.
O goberno xa baralla novas intervencións de arte urbano como a que prevé levar a cabo este mesmo anos nas pistas de pádel, tal e como confirmou o rexedor municipal, Pablo Diego Moreda Gil. Neste sentido, o rexedor adiantou que se tratará dun traballo colectivo, que correrá a cargo do alumnado do IES Punta Candieira e para o que o Concello porá desde o material ata o asesoramento artístico.