Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

Cedeira mantivo o tirón turístico nun verán “atípico”

A pesar da pandemia, Cedeira mantivo o tirón no que a turismo se refire. Así o poñen de manifesto o balance de visitas guiadas ao castelo da Concepción, as persoas atendidas na oficina de Turismo e este ano, e por primeira vez, as que fixeron uso do punto de información situado ao pé do santuario de Santo André.

Durante a súa apertura pasaron por ese lugar cargado de tradición e lendas un total de 460 persoas, das que un 30% tiñan a Comunidade de Madrid como lugar de procedencia. A presenza de estranxeiros foi case testemuñal, situación que tamén se deu tanto na oficina de turismo como no castelo da Concepción.

Este monumento defensivo foi de interese para un total de 2.100 persoas que forman parte dos datos contabilizados entre a segunda semana de xullo e o 31 de agosto e que aínda están sen pechar ata que finalice o presente mes. Neste caso, o número de estranxeiros foi de 18, mentres que o resto dos viaxeiros estivo dividido entre galegos e veciños/as doutras comunidades autónomas.

No que se refire á oficina de turismo, na campaña de verán pasaron por este punto de información un total de 3.300 persoas a segunda quincena de xuño ata agora, sendo agosto o mes más produtivo en canto a demanda de información. Irlandeses, suízos e franceses foron os poucos estranxeiros que este verán se deixaron ver por Cedeira, localidade á que en moitos casos accederon por mar ou autocaravana. Madrid, País Vasco, Cataluña e Andalucía son as comunidades que supuxeron un saldo máis favorable en canto ao número de turistas que se achegaron ata a vila.

A concelleira de Turismo, Carmela Prieto Cal, valorou unha campaña que calificou de “atípica” e destacou o interese dos visitantes en coñecer desde o santuario de Santo André ata os traballos arqueolóxicos que se realizan no castro Sarridal. Carmela Prieto considerou que, en xeral, as persoas que visitan Cedeira consumen e valoran os servizos turísticos que o Concello lles ofrece e, neste sentido, destacou a ocupación ao 100% das Xeorrutas e a boa acollida que están a ter os roteiros que descorren polos os lugares máis emblemáticos do municipio.