O goberno asegura que xa está a traballar en alternativas para garantir a seguridade no acceso á pista de PUMPTRACK
O GOBERNO ASEGURA QUE XA ESTÁ A TRABALLAR EN ALTERNATIVAS PARA
GARANTIR A SEGURIDADE NO ACCESO Á PISTA DE PUMPTRACK
O goberno de Cedeira sae ao paso das críticas do PP pola fala de medidas de seguridade e problemas no acceso á pista de pumptrack, asegurando que se está a traballar en varias alternativas para garantir a seguridade dos usuarios da instalación, “unha actuación que para nós será de máxima prioridade na súa execución cando entren en vigor os novos orzamentos”.
Por esa razón, os responsables municipais din non estar dispostos a que “o PP de Cedeira nos veña a dar ningún tipo de lección e fale da importancia da seguridade cando, no seu último mandato (ano 2013) o goberno de Luis Rubido construíu o skate park da Madalena sen medidas de protección para casos de caídas e sen ter en conta o sinalado no anteproxecto”. Esto vén a confirmar, segundo o executivo, “a súa irresponsabilidade ao fronte da corporación municipal, ao poñer en risco a seguridade dos nenos e nenas que alí xogan”. As medidas recollidas no anteproxecto detallaban a necesidade de instalar 40 metros lineais de varanda, dun metro de altura e por importe de 4.852 euros, para evitar posibles caídas laterais nas tres rampas. Ese elemento non chegou a instalarse.
Tamén destacan desde o goberno de Cedeira “a pouca memoria que teñen os responsables do PP local cando no expediente do skate park tamén existe un informe desfavorable do interventor do Concello, todo un despropósito nunha tramitación conforme á legalidade e un reflexo máis dos tempos escuros da alcaldía de Luis Rubido”, aseguran.
Sobre esta cuestión do informe, o executivo local incide en que na factura daquela intervención non consta a adxudicación previa por parte do alcalde ou da xunta de goberno nin existen os tres orzamentos sinalados nas bases de execución. Tampouco está acreditada a dispoñibilidade dos terreos, xa que faltaba o informe favorable de Costas, e tamén existe unha diferencia económica de case 10.000 euros do importe inicialmente previsto (20.015,69 euros) ao finalmente executado, que ascendeu a 10.663 euros e foi realizado en dúas fases. Este último dato vén indicar, segundo o executivo cedeirense, que foron eliminadas as partidas dedicadas a garantir a seguridade dos usuarios, “neste caso a dos máis pequenos”.
Todos estes feitos poñen de manifesto unha vez máis como “estivo a traballar o goberno de Luis Rubido, cunha falta total de xestión e transparencia na maioría dos expedientes de contratación e, como neste, incumprindo os informes dos técnicos e sacrificando a seguridade dos nenos”