Cedeira forma aos alumnos do CEIP Nicolás del río e do IES Punta Candieira en educación viaria e mobilidade
CEDEIRA FORMA AOS ALUMNOS DO CEIP NICOLÁS DEL RÍO E DO IES PUNTA CANDIEIRA EN EDUCACIÓN VIARIA E MOBILIDADE
O Concello de Cedeira, a través da concellería de Educación, e a Policía Local volven a poñerse ao frente da Semana de Educación Viaria e Mobilidade que arrincou o luns e que ten como destinatarios aos alumnos do CEIP Nicolás del Río e do IES Punta Candieira.
A programación é tan ampla como variada, ademais de presentar importantes novidades con respecto á súa primeira edición. Este ano haberá actividades específicas dirixidas aos pais e prácticas en coches de autoescola para os alumnos do instituto, que tamén poderán experimentar diferentes graos de reacción na condución gracias a unhas lentes que simulan os efectos de intoxicacións por alcohol, drogas ou medicamentos. Esta experiencia complementarase con charlas impartidas por persoal das entidades Stop Accidentes e Aeslema (Asociación para el Estudio de la Lesión Medular Espinal).
Da man de voluntarios de Protección Civil os estudantes tamén tomarán parte nun simulacro de evacuación dun transporte escolar e grazas á colaboración da asociación Sobre Rodas percorreran en cadeiras de rodas o centro urbano para coñecer a problemática á que se enfrontan moitas persoas no seu día a día á hora de facer desprazamentos.
Tamén forman parte das actividades que estes días os nenos estean a dirixir o tráfico tanto a saída como á entrada dos centros escolares e que xa preparen, como remate destes sete días de Educación Viaria, a celebración dunha xornada dedicada á bicicleta. Será o venres. Ese día estará prohibido o uso de vehículos para acceder ao CEIP Nicolás del Río, de maneira que a vía será ocupada por bicicletas, patines e monopatíns, unha posibilidade aberta tanto a pais como a alumnos.
A organización, que tamén conta coa colaboración da autoescola Xecas, entende que estas actividades e coñecementos terían que formar parte do programa educativo co fin de evitar accidentes de tráfico e para humanizar as cidades con hábitos máis sociais por parte de condutores e peóns.