A Policía Local e a Concellería de Educación programan a II Semana da Seguridade Viaria Escolar
A POLICÍA LOCAL E A CONCELLERÍA DE EDUCACIÓN PROGRAMAN A II SEMANA DA SEGURIDADE VIARIA ESCOLAR
A Concellería de Educación e a Policía Local de Cedeira realizarán a II Semana da Seguridade Viaria Escolar do luns 23 ao venres 27 de abril, no CEIP Nicolás do Río e o IES Punta Candieira. Alumnos de ambos os colexios apoiarán á Policía Local dirixindo o tráfico nas horas de entrada e saída aos centros escolares.
Esta segunda edición contará con charlas dirixidas ás Ampas e aos pais e nais de alumnos que desexen asisitir, así como diferentes charlas temáticas para alumnos do IES Punta Candieira impartidas por entidades do nivel de Stop Accidentes ou Aesleme.
Do mesmo xeito a asociación local Sobre Rodas colaborará en charlas e talleres con alumnos de ambos os colexios, nos cales se farán percorridos en cadeira de rodas por diferentes rutas da contorna urbana e analizarase a problematica destes desprazamentos.
A Policía Local tamén ten preparadas varias prácticas coas autoescolas ITT Galicia e Xecas, na que alumnos do IES Punta Candieira poderán experimentar diferentes graos de reacción na condución grazas a unhas lentes especiais que simulan os efectos de estar sometido a intoxicación por alcol, drogas, e medicamentos.
Ademais a maiores, en colaboración coa A.V. Protección Civil, tamén se realizasen simulacros de evacuación de alumnos nos autobuses de transporte escolar, e formarase aos condutores e acompañantes na forma de realizar estas evacuacións. O último día da semana dedicarase por completo ao Día da Bicicleta, no que se prohibirá por completo o acceso de vehículos ao CEIP Nicolás do Río e durante a xornada escolar a vía estará libre para o uso da bicicleta, patíns e monopatines, por alumnos e pais.