Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO REPARTE Á VECIÑANZA UN NOVO NÚMERO DO BOLETÍN INFORMATIVO “AS7PARROQUIAS”

O Concello de Cedeira está a repartir estes días polos domicilios, centros sociais e espazos públicos do municipio o novo número do boletín As7Parroquias, unha ferramenta coa que o goberno local reforza a súa vontade de transparencia e rendición de contas ante a veciñanza. Este número, o 15, chega cunha mensaxe do alcalde, Pablo Diego Moreda, que se dirixe directamente á cidadanía cedeiresa para agradecerlle o seu esforzo para encarar da mellor maneira a crise sanitaria e recoñecer moi especialmente o traballo das persoas que estiveron día a día ao pé do canón mantendo en funcionamento os servizos esenciais. O rexedor local expresa o compromiso do goberno municipal “de estar a carón de vós e apoiarvos na superación das dificultades” agora que chega outra etapa difícil.

As accións do Concello para apoiar aos emprendedores e pemes da localidade ocupan, precisamente, a portada do boletín As7Parroquias, tanto no que respecta ao reparto de axudas como á posta en marcha do Plan de Mellora do Comercio e a Hostalería. As páxinas do caderno informativo dan conta tamén da aprobación dos presupostos municipais, cunha compoñente máis social este ano, e doutras actuacións como a compra dunha ducia de guindastres que están a mellorar a calidade de vida en familias con escasos recursos e persoas enfermas ao seu coidado.

As7Parroquias recolle a actividade do goberno local en diferentes eidos. Así, este número inclúe un artigo sobre a adxudicación da rehabilitación do Pazo de Moscoso e outro sobre a volta a mans do Concello do antigo escolar de Santalla. Tamén informa das novas actuacións en materia de renovación do sistema de iluminación pública e mellora do saneamento, así como a posta en marcha dun estudo sobre o río Condomiñas que dará paso á súa rexeneración, nun tramo de cinco quilómetros curso arriba desde a Ponte da Acea.

Tamén dá conta o boletín do comezo da terceira campaña arqueolóxica deste ano no Castro Sarridal, que incluirá a colocación dun peche perimetral e un panel informativo. A concesión de axudas ao tecido asociativo da vila e ás entidades deportivas, o impulso dun Plan de Igualdade ou a realización dun novo mural nas rúas de Cedeira son outros dos temas que aborda este número da revista, na que tamén se fala da importancia das obras que se van realizar de inmediato na AC566 e das moitas xestións e actuacións que ao longo dos anos liderou o Concello para que a Xunta asumise esta actuación.

Como é habitual, a contraportada de As7Parroquias está adicada a unha entidade local, desta volta ao Club Candieira. Trátase dunha asociación creada hai poucos meses e que agrupa a diferentes afeccionados a deportes de montaña, tanto sobre dúas rodas como a pé, e que ten entre os seus obxectivos a mellora de varios camiños polos que adoitan transitar.

DESCARGA PDF boletín As7Parroquias nº 15