Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO INVISTE NA ADECUACIÓN E MELLORA DE DOUS APARCADOIROS CON 61 PRAZAS CERCA DA RÚA DEPORTES

O Concello de Cedeira executou recentemente dúas obras de acondicionamento e mellora de dous espazos de aparcadoiro na zona da rúa Deportes cun investimento de preto de 30.000€. Por un lado realizáronse uns traballos de mantemento e mellora do espazo de estacionamento situado en fronte do IES Punta Candieira, que conta con 30 prazas, e por outra adecuáronse outras 31 nunha parcela municipal próxima, contigua ao pumtrack, que de feito era xa empregada en precario para deixar os vehículos. O alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que “nesta zona está o campo de fútbol do Beco, a estación de autobuses e o Centro de Ocio Xuvenil, ademais do instituto, polo que ten moito” e subliñou que estes investimentos melloran e ordenan o aparcamento.

Por unha banda, o Concello executou obras de mantemento e mellora do aparcadoiro municipal que está situado diante do IES Punta Candieira e que adoita ser empregado pola comunidade educativa e pola veciñanza da zona. Os traballos, valorados en preto de 20.000€, abrangueron tanto a aplicación dunha nova capa de aglomerado na superficie do estacionamento como a substitución do bordo da beirarrúa que está diante do instituto, que tamén se atopaba deteriorada.

O goberno local adxudicou estes traballos, por valor de 19.904,50€ (IVE incluído). Realizouse unha limpeza por medios mecánicos de toda a superficie do aparcadoiro, duns mil metros cadrados, e posteriormente aplicouse unha mistura asfáltica en quente. O cambio do bordo da beirarrúa abrangueu uns 62 metros lineais. En total, este aparcadoiro conta con 30 prazas.

Por outra banda, o Concello de Cedeira contratou por 9.873,60€ (IVE incluído) o acondionamento doutra parcela municipal, de 550 metros cadrados, que está situada xunto á pista de pumtrack e por detrás do campo de fútbol do Beco. Trátase dun terreo que xa era utilizado en precario polos condutores para deixar os seus vehículos, pero que con esta actuación quedou asfaltado e pintado, con 31 novas prazas de estacionamento marcadas.