Skip to content Skip to left sidebar Skip to footer

O CONCELLO DE CEDEIRA RECIBIRÁ MÁIS DE 630.000€ DO POS+2022 E DESTINARÁ O 69% A INVESTIMENTOS

O pleno da corporación de Cedeira aprobou na súa última sesión, cos votos a favor do PSdeG e o PP e a abstención do BNG, a proposta do goberno local para a participación do municipio no Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña (POS+2022). En total, Cedeira contará no seu orzamento con 638.729,85€ procedentes do programa provincial, dos que 195.022,57€ serán para cubrir gastos correntes e os restantes 443.707,28€ se destinarán a investimentos. Xunto con esta proposta tamén saiu adiante, por unanimidade, a do POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios, que supón unha achega de 68.257€.

Así, o Concello consignou no POS de Obras dous proxectos por valor de 178.512,97€ con cargo ás achegas provinciais 2021 e 2022, aos que se suman outros valorados en 265.194,31€ que van no Plan Complementario. Os primeros son a ampliación da rede de saneamento nas Pontigas, por un importe de 99.963,73€, e a construción dunha senda peonil e ampliación da calzada en Cordobelas, orzamentado en 80.995,03€ dos que o Concello asumirá poco máis dun 3% (2.445,79€).

Tamén incorporou o goberno local, na mesma proposta, catro proxectos para o Plan Complementario 2022, que ten carácter “supletorio” e que se vai dotando en función dos créditos dispoñibles por parte da administración provincial. Están nesta relación a cubrición do parque infantil da praza Floreal (70.730,88€); a mellora do firme e da rede de pluviais nas rúas Viveiro e Cerdido (41.951,62€); as obras de mellora do firme e a rede de saneamento da rúa María Mediadora (67.845,69€) e a renovación do alumbrado público nas avenidas Area e Castelao (84.666,12€).

Na mesma sesión plenaria aprobouse tamén, neste caso por unanimidade, a participación no POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios. Cedeira vai recibir unha achega de 68.257,90€ para o reforzo de persoal asignado aos Servizos Sociais, a adquisición de equipamento que será cedido ás persoas usuarias e outros investimentos.